O PP pide dende o Senado que o Goberno de Sánchez revise o Plan de Xestión Nacional da Anguía

A iniciativa aposta por unha avaliación científica diferenciada por concas, recoñecer os modelos de xestión responsables xa aplicados en Galicia e rexeita prohibicións xeneralizadas que poñan en risco a actividade tradicional.

Os senadores do PP pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- analizaron cos alcaldes e representantes municipais de Portomarín, Paradela, O Páramo e Guntín, o presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores, Basilio Otero, a directiva da asociación de pescadores O Carrual -que colabora na protección e xestión da anguía- e hostaleiros do sector a situación da anguía e o seu significado cultural e socio-económico para a zona. Todos coincidiron en defender que “unha explotación responsable non debería ter consecuencias para a especie” e tamén reclaman medidas preventivas e unha xestión seria e rigorosa da especie en lugar dunha medida tan drástica como é a prohibición da súa pesca.

Así, os senadores presentaron unha iniciativa que o Grupo Popular defenderá este mércores na Comisión de Pesca no Senado para instar ao Goberno de Sánchez a revisar o Plan de Xestión Nacional da Anguía. O obxectivo da proposta é o de “garantir que calquera decisión sobre a conservación da especie se basee en criterios científicos contrastados, avaliacións reais de resultados e na diferenciación por concas hidrográficas”. 

Os populares advertiron que “o recente anuncio do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico de impulsar a inclusión da anguía no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial na categoría de ‘En perigo de extinción’ xerou unha fonda preocupación en territorios como Galicia, que levan décadas aplicando modelos de xestión rigorosos, con control do esforzo pesqueiro, seguimento científico continuo e loita activa contra o furtivismo”.

“O reto é compatibilizar a protección das especies e a conservación do medio mariño coa viabilidade económica e social do sector, garantindo o emprego, a actividade tradicional e o tecido produtivo das comunidades locais”, apuntaron.

Os informes científicos recentes, tanto o de avaliación do Plan español presentado na primavera de 2025 como o do Consejo Internacional para la Exploración del Mar, constatan que non se acadaron plenamente os obxectivos fixados, pero en ningún caso impoñen prohibicións xeneralizadas como única vía de actuación.

Os senadores do PP por Lugo defenden que “unha conservación eficaz esixe diferenciar entre modelos que funcionan e os que non, evitando decisións uniformes que non se axusten á realidade biolóxica, ambiental e socioeconómica de cada conca”. Ao seu xuízo, a protección dunha especie non pode converterse nunha coartada para restrinxir actividades legais, reguladas e sometidas a control científico sen demostrar previamente que esas restricións ofrecen mellores resultados.

Ademais, os populares amosan a súa preocupación pola “falta dunha posición pública clara” do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, departamento competente en materia de ordenación e xestión do sector pesqueiro, que “xera incerteza e evidencia a necesidade de coherencia na acción do Goberno”.

PROPOSTA

A iniciativa parlamentaria propón, entre outras medidas, non impulsar ningunha catalogación estatal en categorías de máxima protección sen avaliar previamente os resultados dos plans autonómicos; revisar o Plan Nacional e instar ás comunidades autónomas á actualización dos seus plans; garantir análises científicas diferenciadas por concas; priorizar a recuperación de hábitats e a loita contra o furtivismo e o tráfico ilegal internacional; avaliar o impacto socioeconómico de calquera medida restritiva; e adoptar, se procede, medidas de protección no marco da lexislación europea, garantindo a súa coherencia coa política pesqueira e cos modelos de xestión xa implantados.

Os senadores populares conclúen que a recuperación da anguía debe basearse no reforzo das medidas eficaces, na cooperación institucional e no respecto á experiencia acumulada polos territorios que demostraron capacidade de xestión responsable e sostible.

Comparte éste artículo
No hay comentarios