O PP de Foz tamén poñen o foco na rúa Eduardo Pondal, que pasará a ter sentido ascendente cara o cruce da Telefónica con Salvador de Madariaga. Para os populares, esta modificación “é un auténtico perigo”.
O voceiro do Partido Popular de Foz, JavierCastiñeira, denuncia “o fracaso total do plan de mobilidade deseñado polo señor Cajoto”, que segundo os populares está xerando máis caos circulatorio, inseguridade viaria e un gasto adicional innecesario nas arcas municipais.
Castiñeira puxo como exemplo a situación da rúa Alfonso X, onde o Concello está a realizar obras para modificar o sentido da circulación. Estes cambios contradín o propio plan de mobilidade aprobado polo Goberno local e evidencia que “se trata dun proxecto improvisado, sen planificación e cun elevado custo económico”. “O alcalde ten que rectificar decisións que el mesmo tomou, o que implica gastar máis cartos públicos sen mellorar a vida dos veciños”, lamenta Javier Castiñeira.
O PP de Foz tamén poñen o foco na rúa Eduardo Pondal, que pasará a ter sentido ascendente cara o cruce da Telefónica con Salvador de Madariaga. Para os populares, esta modificación “é un auténtico perigo”. “Este entroque é moi complexo, con moito tráfico e pouca visibilidade. Salvador de Madariaga quedará con dous sentidos de circulación nun tramo moi curto, xusto preto da glorieta. Os camións van atopar serias dificultades para maniobrar e estamos convencidos de que se vai converter nun punto negro de tráfico”, advirte Castiñeira.
Os populares denuncian tamén que estas obras coinciden coas do barrio das Casas Baratas, que acumulan máis de dous anos de retraso e un sobrecustesuperior a 150.000 euros. “Estamos ante un auténtico despropósito. Os veciños levan soportando retrasos continuos e un incremento do gasto que xa supera os 150.000 euro, só nas obras na zona das Casas Baratas. Agora, con todas estas actuacións solapadas, agárdanos un auténtico caos circulatorio durante meses”, indica o voceiro do Partido Popular de Foz.
O PP lembra outros exemplos de improvisación, como os problemas na avenida de Sarria, onde os autobuses escolares chegaron a quedar atrancados, ou as deficiencias nas actuacións da rúa Irmandiños e Corporacións.
“Todo isto demostra que Cajoto non ten un plan serio nin escoita a ninguén. As súas decisións son parches improvisados que custan cartos e complican a vida dos veciños”, engade Castiñeira.
Os populares conclúen que o plan de mobilidade de Cajoto “naceu mal e está rematando peor”, e instan ao alcalde a rectificar. “Non pode seguir tirando cos cartos dos focenses. Urxe que escoite ao veciños e aos que coñecen a realidade do tráfico en Foz antes de seguir improvisando”, remata Javier Castiñeira.