Olalla Rodil denuncia o abandono de PP e PSOE a Lugo e propón equiparar as pensións mínimas ao SMI tras o 29N

A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Lugo, Olalla Rodil, acusou este mércores aos gobernos de PP e PSOE de manter a provincia no abandono, lembrando que a demarcación rexistra as segundas pensións máis baixas do Estado. Durante un encontro con persoas xubiladas e pensionistas en Castroverde, a candidata nacionalista comprometeuse a traballar a partir das eleccións xerais do 29 de novembro para reverter esta situación e «rematar con esta discriminación».

Rodil elixiu Castroverde como exemplo da realidade do rural lugués, advertindo que «cada día que pasa as pensionistas de Lugo son máis pobres e encher a neveira supón un esforzo económico cada vez maior». Fronte ás reformas aprobadas nos últimos anos que, ao seu xuízo, favoreceron os fondos privados, reivindicou o labor do BNG nas Cortes na defensa dun sistema de pensións «totalmente público» que garanta o poder adquisitivo e unha vida digna tras a etapa laboral.

Para afrontar a perda de poder adquisitivo das persoas maiores, a formación nacionalista propón un paquete de medidas urxentes. Entre elas destacan incrementar as pensións mínimas até equiparalas co Salario Mínimo Interprofesional (fixado no 60 % do salario medio) e blindar a súa revalorización anual conforme ao IPC real. Así mesmo, o BNG defende recuperar os 65 anos como idade ordinaria de xubilación e eliminar os coeficientes redutores na xubilación anticipada.

Na recta final da campaña, Rodil apelou directamente ao electorado progresista para lograr representación por Lugo no Congreso e frear o avance da dereita. «A quen vos preocupa o avance das dereitas, a vosa papeleta o 29 de novembro é a do BNG, porque todas as enquisas din que nos xogamos escanos co PP e en Lugo podemos facer historia», concluíu a candidata, quen destacou que un BNG forte é a mellor garantía para levar os problemas de Galicia á Cámara Baixa

Comparte éste artículo
No hay comentarios