O BNG pide á Xunta que cree unha liña de axudas sen condicionantes para as mariscadoras de Camariñas

O deputado Oscar Insua, que presentou iniciativas ao respecto, afirma que “a situación das mariscadoras de Camariñas está ao límite. Nin teñen información da Xunta, nin teñen solucións. Hai que tomar decisións, sen máis demoras, se non queremos que o colectivo desapareza”.

O BNG vén de presentar iniciativas no Parlamento para que o goberno galego cree unha nova liña de axudas, con fondos propios, para as mariscadoras de Camariñas mentres dure a situación de inactividade laboral, sen condicionantes de posuír un determinado número de días traballados no exercicio anterior. Os nacionalistas tamén solicitan que se fagan públicos os informes encomendados a SEAGA sobre o estado das augas, dos fondos, dos moluscos e da materia viva e inerte nas zonas de traballo das mariscadoras de dita localidade.

A formación nacionalista considera que a situación pola que está a pasar a agrupación de mariscadoras de Camariñas “é insostible dende os puntos de vista laboral, económico e emocional”, e sinalou que este verán só 15 traballadoras estiveron facendo traballos para remover os fondos durante 3 meses. Ademais, o BNG indicou que a bióloga da zona plasmou nos últimos informes que non se pode ir a mariscar a ningún areal, porque non hai marisco.

O grupo nacionalista subliñou que a día de hoxe, de 50 mariscadoras a pé, só quedan 30 de alta nos plans de explotación, das que só 15 están activas. Así mesmo, as restantes 20 traballadoras de a pé, “ou xa se xubilaron, ou pediron excedencias, ou están en procesos de solicitude da invalidez ou buscaron outras actividades laborais”.

O BNG lembrou que a Consellaría do Mar encargou a SEAGA en novembro do 2023 diferentes traballos para elaborar proxectos de conservación da biodiversidade e restauración ecolóxica dos ecosistemas mariños e dos seus hábitats por un importe de 1,3 millóns de euros, para saber o estado dos moluscos, executar actuacións sobre as zonas estudadas e facer un seguimento científico e de divulgación dos resultados. “Mais a realidade que temos é que as mariscadoras seguen sen mariscar e sen información deses estudos realizados por SEAGA para saber con exactitude que é o que está a pasar na costa de Camariñas; se tiñan o encargo de divulgalos, por que non son públicos?”, advertiu a formación nacionalista.

Oscar Insua manifestou que “a Consellería do Mar sabe perfectamente que a semente que se vai tirar este ano, non se vai poder apañar ata dentro de como mínimo dous anos, se é que non morre como está pasando estes anos. De que van vivir entón as mariscadoras de Camariñas? Como van afrontar os vindeiros anos sin salario? A consellería debe facer algo urxentemente para darlles unha solución xa a este colectivo”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios