Os senadores do Partido Popular lucense (José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano) cuestionan que a “desmesurada recadación” que o Goberno de España obtén do radar de tramo da autovía do Cantábrico (A-8), no Fiouco, non se estea a destinar a novos investimentos para mellorar a seguridade viaria.
O senador mariñán, José Manuel Balseiro, lembrou que, desde 2021, o Goberno non instalou as balizas láser prometidas para mellorar a visibilidade do tramo en episodios de néboa. «Seguimos sen avances, co proxecto nun caixón», a pesar de que esta tecnoloxía foi elixida hai catro anos como a mellor solución para este punto negro da autovía.
Ademais, Balseiro sinalou que os «ingresos excepcionais» tampouco se invisten na mellora da estrada nacional N-634, que serve como itinerario alternativo cando a autovía se pecha. Na Mariña «hai un clamor social e unanimidade política» para que se intensifiquen as tarefas de conservación nesta vía, que soporta unha elevada carga de tráfico. O senador destacou a necesidade de mellorar o seu asfalto, a iluminación, os carrís de adiantamento, o trazado e as medidas para evitar a entrada de animais.
O radar que máis multa da provincia
O senador do PP lembrou que o tramo do Fiouco non só é o que rexistra máis peches en España, senón que tamén posúe os radares que máis multan na provincia, e probablemente en toda Galicia.
En resposta oficial aos senadores populares lucenses, o Goberno de España confirmou que o sistema de control de velocidade do Fiouco recada máis dun millón de euros ao ano, cunha media de 17 sancións diarias. A A-8 conta con dous radares de tramo neste punto: un en dirección Mondoñedo e outro en sentido contrario.