“Queremos evitar que pase como noutros asuntos, como foi o caso da residencia de maiores, onde o alcalde quixo impoñer decisións sen información previa nin diálogo”, conclúe o voceiro popular.
O Partido Popular de Foz acusa ao alcalde, Cajoto, de falta de transparencia e desinformación no proceso de licitación do ciclo da auga. O voceiro popular, Javier Castiñeira, reclama que se convoque de inmediato a comisión de seguimento, despois de varios meses sen noticias dende que se publicou a licitación.
Castiñeira lembra que “o Partido Popular leva tempo pedindo información sobre o estado do concurso, pero o alcalde non nos informou de absolutamente nada”. Engade que “esa comisión de seguimento foi comprometida polo propio goberno local e, a día de hoxe, segue sen convocarse, o que demostra unha total falta de vontade de transparencia”.
Desde o PP de Foz consideran especialmente grave esta falta de información nun momento no que a veciñanza está moi molesta polos recibos da auga, despois da suba de tarifas aprobada por PSOE e BNG ao inicio da lexislatura. “A xente está moi cabreada, e con razón, porque as facturas son cada vez máis altas e non ven melloras no servizo”, engade Castiñeira.
Os populares insisten en que o alcalde debe dar explicacións claras e inmediatas sobre o proceso e garantir que todos os grupos municipais poidan facer un seguimento real da contratación. “Queremos evitar que pase como noutros asuntos, como foi o caso da residencia de maiores, onde o alcalde quixo impoñer decisións sen información previa nin diálogo”, conclúe o voceiro popular.