Tomé Roca: “Continuamos traballando da man dos concellos para achegar dotacións e servizos públicos ao rural da nosa provincia, hoxe formalizamos a colaboración con Quiroga e Samos porque nós miramos as necesidades, non as cores políticas”.
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Quiroga, José Luís Rivera Castro, asinaron este martes no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración polo cal a institución provincial achegará preto de 250.000 ao Concello quirogués para financiar diferentes actuacións. En concreto, o acordo permitirá investir un total de case 300.000€ na rexeneración dos accesos a núcleos rurais de tres parroquias do municipio e o local social de Margaride, adquirir un camión para a recollida de lixo e financiar un programa de actividades.
“Continuamos traballando da man dos concellos para achegar dotacións e servizos públicos ao rural da nosa provincia, hoxe formalizamos a colaboración con Quiroga e Samos porque nós miramos as necesidades, non as cores políticas”, argumentou o mandatario provincial. Tomé Roca enmarcou ademais este acordo na cooperación cos concellos, que “marca toda a nosa acción de Goberno de xeito transversal”.
Este acordo consta de tres liñas de actuación: A primeira para a mellora de accesos aos núcleos deEspandariz, na parroquia de Nocedo; Caspedro, na parroquia de Quiroga; e de San Pedro, en Quintá de Lor; onde tamén se acondicionará o local social de Margaride. Permitirá adquirir un camión para a recollida do lixo, o que mellorará a prestación deste servizo; porque cunha superficie de 317 quilómetros cadrados, 22 parroquias e 123 entidades de poboación, este municipio conta cun único vehículo.
Finalmente, e con cargo a estes fondos, o Concello de Quiroga financiará a segunda edición dunprograma de actividades lúdicas que conta con máis dunha ducia de accións e unhas 340 prazas pensadas para dar a coñecer o municipio a través do seu rico patrimonio. Rutas de sendeirismo, barranquismo, parapente ou visitas guiadas son algunhas das propostas que ofrece esta iniciativa.