ADEGA: «O paso de maquinaria pesada arrasa o hábitat da píllara das dunas en Aguiño (Ribeira)»

Dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do Día Mundial dos Océanos, maquinaria pesada realizou labores de explanación, movemento de area e eliminación de vexetación dunar na praia do Róbalo (ou da Tasca), en pleno centro da vila de Aguiño.

Estas actividades desenvolvéronse sobre a propia praia e afectaron hábitats de interese europeo do Anexo I da Directiva 92/43/CEE de Hábitats, entre os que se atopan os denominados cos códigos 2230 (Dunas con céspedes de Malcomietalia); 1210 (Vexetación anual sobre argazos); 2110 (Dunas móbiles embrionarias; 2120 (Dunas móbiles litorais con Ammophila arenaria-”dunas brancas»; e 2130* (Dunas costeiras fixas con vexetación herbácea -«dunas grises»), este último considerado prioritario.

O espazo degradado inclúese, asemade, dentro da zona de presenza e da zona crítica da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), ao abeiro do determinado polo plano de conservación deste taxón aprobado polo Decreto 9/2014. Esta especie de ave, considerada “vulnerábel” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007), áchase en plena époda de reprodución.

O dilema da Xunta: conservar os ecosistemas costeiros ou enchelos de chiringuitos?

Cando aínda non se cumpriu un ano do traspaso efectivo de competencias da costa á Xunta de Galiza, esta nova agresión aos hábitats e especies protexidas pon a proba a xestión da Xunta do litoral durante a tempada de verán. Só en 2025, a consellaría que dirixe Ánxeles Vázquez autorizou máis de 400 chiringuitos nas praias galegas, aos que lles permite, ademais, permaneceren abertos dende a semana santa até final de verán, con subvencións de 1 millón de € para facelos máis «biosostibles». Semella, pois, bastante claro cal é o obxectivo da Xunta: converter a costa galega nun decorado para o turismo masivo.

ADEGA agarda que a denuncia destas actuacións dea lugar a unha contundente actuación por parte da Xunta. Esiximos de Medio Ambiente que inspeccione in situ o lugar para verificar o alcance e natureza das afeccións detectadas. Debe comprobar tamén a legalidade das actuacións realizadas, e a existencia das autorizacións ou avaliacións ambientais que resultasen preceptivas habida conta dos valores naturais presentes neste espazo. Solicitamos tamén que adopte as medidas cautelares precisas para evitar a continuidade ou agravamento dos danos e, no caso de apreciar infracción da normativa, incoar o correspondente expediente sancionador e impoñer as medidas de restauración precisas.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios