Carmela, Lideira e Xabier Díaz na undécima edición de As Cores do Outono este sábado na Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón xa está preparado para celebrar con música e baile o comezo da nova estación. Será na edición número once do festival As Cores do Outono este sábado 27 de setembro. 

O evento, organizado polo Concello da Pobra do Brollón co apoio económico da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ten lugar na tarde-noite do sábado. Como anticipo do festival, o venres pola tarde, hai programada unha presentación do libro da etnomusicóloga Xulia Feixoo sobre o pandeiro en Galicia.

Os concertos comezarán o día 27 a partir das 21:00 horas, coas actuacións de Carmela, Lideira e Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre.

Xabier Díaz presentará o seu novo traballo, ‘Axúdame a sentir’. Este título é un tributo á avoa do músico, Obdulia, quen lle repetía con frecuencia a frase, dando nome así a un proxecto «que desborda amor polas músicas herdadas de todas as Obdulias». Sobre o escenario estarán Xabier a as Adufeiras do Salitre, xunto a Roberto Grandal (acordeón) e Iván Costa (zanfona). Un concerto de talentos inmensos que encherá de baile o torreiro de Samugueiros.

As propostas dos tríos Carmela e Lideira son máis pequenas en compoñentes pero non menos intensas. Carmela é un proxecto musical que basea o seu repertorio na tradición oral galega, entendendo a tradición como un ente flexible que se adapta ao contexto musical actual a través de sons que viaxan dende as percusións ata referencias electrónicas. Unha proposta única no seu discurso tanto musical coma extramusical, liderada por Carme López (voz e percusións), xunto a Camille Hedouin (electrónica e voces) e Sara Méndez (saxofón). 

Lidiera, pola súa banda, é un trío formado por Sara Méndez (saxofón soprano), Gabi Reboredo (voz e percusión) e Lois Prado (saxofón tenor e sintetizador). Lideira comezou a súa andaina nunha Foliada Guímara e agora vai amenizando os torreiros con pezas bailables polo país adiante. A partir das músicas de tradición oral, procuran un son persoal «a través da mestura de instrumentos de vento, percusións de man, voz e outras fantasías».

Os concertos terán lugar na área recreativa de Samugueiros, onde tamén haberá barra e postos de comida, produtos locais e artesanía.

Para ir quecendo motores, ás 18:30h ofrecerase un obradoiro de baile tradicional para todos os niveis a cargo de Gabi Reboredo. É preciso inscribirse previamente por WhatsApp no teléfono 650624828.

Como anticipo ao festival, o venres 26 ás 20:00 horas na Casa da Cultura ‘Olga Novo’, a etnomusicóloga Xulia Feixoo presentará o seu libro-CD Concha do Canizo. Este pandeiro que toco… no que aborda as prácticas de transmisión oral protagonizadas polo pandeiro na Terra das Frieiras, no suroeste da provincia de Ourense. Concretamente, por unha das grandes escolas de tocadoras do pandeiro en Galicia, a de Concha do Canizo. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios