Lugo volve situarse no mapa cinematográfico coa celebración da 48ª Semana de Cine de Lugo, unha cita xa plenamente integrada na vida cultural da cidade e que, ao longo de case cinco décadas, contribuíu a consolidar o vínculo de Lugo co cinema.
Na presentación desta nova edición, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, puxo en valor a dimensión cultural e social dunha iniciativa que forma parte do patrimonio cultural inmaterial da cidade e que mantén, ano tras ano, a capacidade de reunir distintas sensibilidades arredor do cine.
Candia destacou que a Semana de Cine representa tamén unha maneira de entender Lugo como escenario de película, unha cidade que se enche de vida e de cultura coa chegada desta cita e que durante estes días se converte nun punto de encontro para afeccionados, profesionais e público de todas as idades.
A alcaldesa salientou especialmente a amplitude e diversidade da programación, que permite que calquera lucense poida atopar nela unha proposta coa que sentirse identificado, facendo da Semana de Cine unha celebración aberta e transversal.
Neste sentido, Elena Candia quixo recoñecer expresamente o traballo desenvolvido durante décadas polo colectivo Fonmiñá, impulsor e responsable da continuidade dunha iniciativa que xa forma parte da identidade cultural de Lugo. “A cidade está en débeda con Fonmiñá”, sinalou, en referencia á achega realizada polo colectivo á promoción do cinema e á dinamización cultural da cidade.
A alcaldesa reivindicou, ademais, a necesidade de que a cultura sexa un ámbito capaz de unir sensibilidades e sumar o esforzo das distintas institucións, por riba de diferenzas ou enfoques políticos. “A cultura debe unir a todas as institucións”, apuntou, defendendo a colaboración como a mellor vía para garantir a continuidade e o crecemento das iniciativas culturais.
Neste marco, Candia subliñou que o papel do Concello é acompañar, colaborar e axudar para facer posible que proxectos consolidados como a Semana de Cine continúen formando parte da programación cultural da cidade.
A 48ª Semana de Cine volve así situar Lugo no centro da actividade cinematográfica e cultural, reforzando unha relación que se foi construíndo ao longo de décadas e que permite que a cidade sexa, durante estes días, un lugar no que o cine non só se proxecta, senón que se vive.