PP de Lugo denuncia a “improvisación” do goberno local ao desviar fondos sociais a “subvencións improvisadas”

O Partido Popular critica as modificacións de crédito que o goberno local (PSOE e BNG) levará ao pleno de mañá, ás que acusa de poñer en risco proxectos sociais consolidados por falta de previsión e prioridades.

O PP amosa a súa preocupación polo recorte de partidas destinadas a programas sociais xa en marcha para financiar novas subvencións nominativas non contempladas inicialmente nos orzamentos. Esta práctica, segundo os populares, debilita a planificación orzamentaria e introduce un reparto discrecional dos recursos municipais.

“Estamos ante un exemplo máis da falta de previsión e de prioridades dun goberno que improvisa coa política social, quitándolle a unhas entidades para darlle a outras en lugar de reforzar os recursos”, sinala o concelleiro popular Gustavo Díaz.

O PP tamén considera alarmante que se reasignen fondos a estas alturas do exercicio, xa que isto pon en risco a continuidade de programas que levan anos demostrando a súa eficacia e crea incerteza tanto para as entidades como para os usuarios.

Para o Partido Popular, a xestión do diñeiro público debe ser “rigorosa e ética”, baseada na transparencia e na confianza. Por iso, o grupo municipal popular formula unha serie de preguntas ao goberno:

  • Formalizáronse xa os convenios con estas entidades?
  • Con que criterios e cantidades se asignaron as axudas?
  • É xusto recortar proxectos consolidados para financiar entidades que aparecen á última hora?
Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios