250.000€ da Deputación para Navia de Suarna: Tomé asina melloras en estradas e no polideportivo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, asinaron hoxe no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración que destina preto de 250.000 euros ao municipio para a execución de 7 actuacións clave.

Con esta colaboración damos resposta a necesidades reais da veciñanza de Navia, mudando a imaxe dunha das arterias principais da vila, facilitando a mobilidade entre parroquias e mellorando instalacións deportivas municipais», destacou o Presidente José Tomé.

Mellora de vías e renovación urbana

O investimento da Deputación centrarase en dous eixos principais:

  1. Mellora de Camiños Rurais: Actuarase en vías de catro parroquias para facilitar a mobilidade e as comunicacións. Os traballos incluirán o acceso ao núcleo de Folgueiras, e intervencións en Coea (Castañedo), Murias de Rao e Coro (Rao), e Vilaverde, Camiño da Fonte e As Veigas (Vilaverde).
  2. Renovación Integral en Pobra: A actuación máis destacada no centro urbano é a renovación integral da rúa Valle Inclán, unha das principais arterias da vila. Os traballos incluirán a mellora do firme, reparación da drenaxe, reposición de ramplas, colocación dunha nova tubaxe de auga e adaptación das arquetas.

José Tomé subliñou que a mellora da rúa Valle Inclán «permitirá renovar a imaxe no centro urbano da vila e convertelo nun espazo máis seguro e funcional para a veciñanza».

Investimento en Deporte

O convenio tamén inclúe a insonorización do polideportivo municipal de Pobra, un proxecto que mellorará as instalacións e promoverá a práctica deportiva no municipio.

O Presidente Tomé concluíu a firma poñendo en valor este tipo de acordos «que permiten aos concellos pequenos e da Montaña ter recursos garantidos para levar a cabo proxectos estratéxicos».

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios