O Partido Popular de Sarria e Camiña Sarria acordan impulsar 15 actuacións “estratéxicas”

O Partido Popular de Sarria e Camiña Sarria asinaron e presentaron esta mañá o Acordo para o Desenvolvemento Estratéxico de Sarria (ADES), un documento que establece o marco de diálogo e traballo entre ambas as dúas formacións ata maio de 2027 para impulsar unha quincena de “investimentos e actuacións estratéxicas” que buscan “situar o Concello de Sarria no lugar que merece no contexto da provincia de Lugo e de Galicia”.

Nunha rolda de prensa celebrada no Hotel Alfonso IX de Sarria, os encargados de asinar o documento foron o presidente de Camiña Sarria e alcalde, Claudio Garrido, o secretario desta formación, José Soto “Kaké”; e por parte do Partido Popular, a voceira do PP de Sarria e presidenta da Xunta Xestora, Carmen José López; e o secretario provincial do PP en Lugo, Javier Nodal. Estiveron acompañados pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; a presidenta provincial do PP en Lugo, Elena Candia; e varios edís de ambas as dúas formacións en Sarria.

O documento asinado, que foi entregado aos medios de comunicación, establece como principios do acordo a busca da estabilidade institucional, a lealdade entre administracións, unha planificación realista e unha comunicación transparente. Ademais, sitúa como actuacións prioritarias, que contarán co apoio da Xunta de Galicia, os seguintes 15 investimentos:

  • Mellora do Estadio Municipal da Ribela.
  • Mellora do CEIP Frei Luis de Granada.
  • Urbanización e cesión das travesías urbanas da estrada LU-546 (rúas Matías López e Benigno Ǫuiroga).
  • Apoio para un modelo sostible de funcionamento da Residencia de Persoas Maiores Nosa Señora do Carme.
  • Proxecto integral de sinalización viaria do municipio.
  • Reconfiguración e humanización da Praza da Vila.
  • Rehabilitación integral e musealización do edificio “Vila Andrea” ou “Casa do Marqués”.
  • Investimentos de Augas de Galicia: depósito de auga e nova captación nun manancial.
  • Desafectación das vivendas anexas ao CEIP Frei Luis de Granada e creación dun parque ou praza.
  • Acondicionamento da Casa da Cultura e da Escola de Música.
  • Apoio para o desenvolvemento dun ambicioso proxecto de posta en valor e potenciación do barrio da Estación e da contorna do río Celeiro ao seu paso polo núcleo urbano.
  • Revalorización da contorna da Ponte Ribeira e avaliación, a medio e longo prazo, das diferentes alternativas posibles para buscar unha solución ao tráfico rodado.
  • Apoio á solicitude de construción a medio prazo dun 2º Xulgado de Primeira Instancia de Sarria.
  • Búsqueda conxunta de solucións á situación do antigo centro de saúde e ao muíño do Toleiro.
  • Estratexia conxunta de reivindicación e busca de fórmulas coa Entidade Estatal de Solo SEPES para o desenvolvemento de solo industrial na segunga fase do Polígono do Morelle.

Claudio Garrido: “A política pode ser algo máis que polarización”

Na súa intervención, Claudio Garrido salientou que o documento asinado hoxe “demostra que a política pode ser algo máis que polarización e confrontación; tamén pode ser un mecanismo útil e beneficioso para a cidadanía cando se prioriza o diálogo e o entendemento e se buscan solucións aos problemas e demandas da

xente”. Ademais, avanzou que co desenvolvemento dos 15 compromisos “Camiña Sarria dá por alcanzados os seus obxectivos fundacionais e dará por completado e finalizado o seu ciclo político ao remate do mandato”.

Carmen José López: “Ǫuen gaña, por enriba de todo, é a veciñanza de Sarria” Pola súa parte, Carmen José López indicou que o impulso destas 15 actuacións “é unha gran oportunidade para Sarria que abre un novo horizonte ao Partido Popular”. “Neste escenario, no PP de Sarria sentímonos cómodos porque, aínda estando na oposición, contribuímos a desbloquear proxectos pendentes para o noso concello, contribuímos a conseguir investimentos moi importantes da Xunta de Galicia e demostramos que somos unha forza con vontade de goberno e con capacidade para desenvolver unha política útil coa que quen gaña, por enriba de todo, é a veciñanza de Sarria”.

Paula Prado: “O obxectivo é o benestar dos veciños e veciñas”

Para a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, “o obxectivo principal deste acordo é o benestar dos veciños e veciñas de Sarria”. Neste senso, e aproveitando a situación do municipio en plena Ruta Xacobea, desexou que a xornada de hoxe “sexa o comezo dun novo e agradable camiño” e agradeceu a todos os implicados a súa “xenerosidade”. “Estou segura de que o futuro será aínda mellor”, concluíu, facendo fincapé en que este acordo “non é beneficioso só para os sarriaos, senón para todos os galegos e galegas”.

Elena Candia: “Os proxectos materializaranse a curto, medio e longo prazo”

E pola súa parte, a presidenta provincial do PP en Lugo, Elena Candia, destacou na súa intervención “a capacidade do Partido Popular de alcanzar acordos a nivel local con outras formacións para defender os intereses dos territorios, con proxectos necesarios que se irán materializando a curto, medio e longo prazo”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios