As familias denuncian recortes na educación inclusiva en Muxía

O pasado 19 de setembro de 2025 nais afectadas polos recortes nos centros educativos de Muxía — o CEIP Virxe da Barca e o CEIP dos Muiños— trasladaron á inspectora educativa Isabel García Vila a súa preocupación polos importantes recortes na educación inclusiva que están a sufrir estes centros. Durante a entrevista falaron de cómo a falta de profesorado de apoio para os seus fillos repercutiría negativamente na súa formación e condicionaría non so a adaptación a outras etapas seón tamén o seu desenvolvemento. Durante a reunión expuxéronlle tamén os problemas co incumprimento das ratios no CEIP Virxe da Barca e que co o recorte de persoal levado a cabo en caso de que un profesor ou profesora se ausente por imprevistos ou doenzas leves, non habería sequera quen acompañase ao grupo de alumnado afectado.

A resposta da inspectora, a Sra. Isabel García Vila, foi que faría todo o posible para mellorar a situación. Explicou que proporía destinar un PT (profesor/a de apoio) compartido entre os centros de Os Muiños e Muxía, mantendo así as mesmas horas de atención que no curso pasado (o curso 2024-2025 os centros tiñan este PT asignado, mais este curso foilles recortada esa plaza).

A señora inspectora, Isabel García Vila, solicitou ás familias un prazo de dúas semanas para darlles unha resposta definitiva. Porén, transcorrida menos dunha semana, informou a un dos centros de que non se enviaría ningún recurso adicional a Muxía nin aos Muiños, argumentando

que “estabamos ben como estabamos” e confirmando que se mantería a situación actual durante o curso 2025/26.

As familias consideran esta actuación un engano, xa que perciben que a petición dos 15 días foi unicamente unha manobra para gañar tempo e non unha vontade real de resolver os problemas expostos. Os recortes e a falta de recursos específicos afectan directamente ao alumnado con necesidades educativas especiais, comprometendo o seu dereito a unha educación inclusiva e de calidade.

Por todo isto, as familias afectadas queren facer público o seu rexeitamento a esta decisión e á esta forma de actuar e solicitan ás autoridades educativas unha solución urxente que garanta os recursos necesarios, permita que se respecten as ratios legais e cumpra co compromiso adquirido coas familias para o curso escolar en curso. Consideran que non é admisible recortar na atención ao alumnado máis vulnerable e anuncian mobilizacións, se non se da unha solución, ata que a administración rectifique.

Comparte éste artículo
No hay comentarios