Crítica frontal do PP de Lugo a Tomé: Venno “nervioso” e prometen acabar co seu “sectarismo” na política

O Partido Popular de Lugo considera que o presidente da Deputación e secretario xeral do PSOE lucense, José Tomé, evidenciou esta mañá o seu nerviosismo e preocupación ao protagonizar unha rolda de prensa “fóra de si, con voz temblorosa e baseada no insulto e na descualificación persoal”.

Os populares critican que Tomé volva caer en ataques persoais impropios dun cargo institucional: “Meterse coa forma de vestir dunha muller ou pedir que desapareza do escenario político é un episodio máis de machismo que non podemos normalizar”.

Dende o PP de Lugo aseguran que estas actitudes amosan a fala de proxecto do actual dirixente dos socialistas lucenses: “Cando un responsable político recorre á vulgaridade e ao insulto é porque non ten ideas nin resultados que ofrecer”.

Fronte a esta maneira de facer política, o Partido Popular reivindica a política con maiúsculas, baseada no respecto, no diálogo e nos acordos polos territorios. “Nós defendemos unhas administracións útiles para os veciños, non para intereses partidistas. A nosa prioridade é chegar a consensos e dar solucións, fronte a un goberno provincial sectario e caciquil”, expoñen.

O PP comprometese a impulsar un cambio político en Lugo que poña fin ao estilo de goberno actual: “Seguiremos facendo política responsable e traballando para as persoas porque Lugo non merece unha Deputación sectaria nin un presidente que non convence nin aos seus propios deputados”.

Os populares insisten na “imperiosa necesidade dun cambio para devolver á institución o respecto, o diálogo e a seriedade que lle faltan co actual presidente”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios