González Abelleira denuncia que o PP pretende aprobar a ordenanza do Auditorio sen a documentación legal esixida

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, denunciou hoxe que o Goberno de Elena Candia pretende levar ao vindeiro Pleno municipal a aprobación da ordenanza reguladora do uso do Auditorio Fuxan os Ventos sen contar cos informes técnicos preceptivos que deben formar parte obrigatoriamente do expediente administrativo.

O Concello de Lugo abre o Auditorio Fuxan Os Ventos ao tecido asociativo con bonificacións e exencións de taxas

A edil socialista explicou que esta situación quedou en evidencia durante a comisión informativa celebrada esta mesma mañá, onde, «de maneira sorprendente», foi a propia Candia, que nin sequera forma parte da comisión, quen compareceu para intentar xustificar a tramitación realizada polo Executivo ante esta mala praxis.

«Foi a propia Candia quen acabou recoñecendo que o expediente non incorpora toda a documentación necesaria. Estamos ante unha forma de gobernar baseada na improvisación e na présa por anunciar actuacións sen garantir previamente a súa cobertura xurídica«, sinalou.

Falta un estudo imprescindible para avaliar os custos do servizo

González Abelleira advertiu de que unha das principais carencias do expediente é a ausencia do estudo económico que determine o custo real derivado do funcionamento do auditorio máis aló do horario ordinario de traballo.

«Moitas das actividades culturais que se programarán neste equipamento rematarán despois das dez da noite. Iso implica custos adicionais de persoal, apertura, peche, limpeza, mantemento ou servizos auxiliares que deben estar perfectamente avaliados antes de aprobar unha ordenanza destas características», explicou.

Segundo indicou, esa análise resulta imprescindible para garantir unha correcta planificación do servizo e evitar problemas na súa aplicación futura.

«Un auténtico despropósito de xestión»

A portavoz socialista cualificou a tramitación realizada polo Goberno municipal como «un auténtico despropósito de xestión» e lamentou que Candia volva repetir «o mesmo modus operandi que vén caracterizando estes primeiros meses de mandato: primeiro anúnciase unha medida a bombo e prato e despois búscase como darlle encaixe administrativo».

«Xestionar unha administración pública require rigor, planificación e respecto polos procedementos. Os informes non son un trámite accesorio; son as garantías que protexen tanto á institución como á cidadanía», afirmou.

Neste sentido, advertiu de que aprobar unha ordenanza incompleta podería provocar unha evidente situación de inseguridade xurídica.

«Se o expediente chega ao Pleno sen toda a documentación obrigatoria, o risco é evidente: poderíase comprometer a validez da propia ordenanza e frustrar o obxectivo que se pretende acadar. Sería un erro perfectamente evitable se o Goberno actúa con responsabilidade», indicou.

O PSOE pide rectificar antes do Pleno

Por todo iso, Ana González Abelleira instou ao Executivo local a retirar temporalmente este punto da orde do día ou, cando menos, completar previamente o expediente incorporando todos os informes emitidos polos servizos municipais competentes.

«Non estamos pedindo que se paralice a ordenanza; estamos pedindo que se faga ben. Aínda están a tempo de rectificar, incorporar a documentación necesaria e presentar ao Pleno un texto sólido, con todas as garantías legais», concluíu.

A portavoz socialista asegurou que Lugo «merece un Goberno que actúe con seriedade e non un Executivo que converta cada expediente nun novo exemplo de improvisación administrativa».

Comparte éste artículo
No hay comentarios