Estudantes de catro centros educativos acudiron á primeira charla do programa, que continuará en outubro coa presenza da piragüista lucense Tania Fernández.
O excapitán da selección española de rugby Jaime Nava abriu hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Lugo a cuarta edición do ciclo de charlas Luz ao Deporte, organizadas pola Fundación Breogán co apoio do Goberno galego.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, asistiu á actividade, que congregou a estudantes do CEIP Anexa, o CIFP Politécnico, o CPR Divina Pastora-Salesianos e o colexio San Lourenzo.
A iniciativa, na que tamén colabora Abanca, busca inculcar os valores do deporte aos mozos e mozas lucenses, que teñen a oportunidade de escoitar en primeira persoa as experiencias e vivencias relatadas por deportistas e exdeportistas de primeiro nivel.
Jaime Nava iniciou a súa carreira deportiva no Alcobendas Rugby, debutou coa selección española no 2002, con tan só 18 anos, e actualmente colabora coa Federación Española de Rugby como embaixador deste deporte. Rematada a súa etapa como xogador profesional, compatibiliza as facetas de actor e divulgador, impartindo charlas sobre liderado e motivación.
A segunda xornada do ciclo Luz ao Deporte, no mes de outubro, contará coa piragüista lucense Tania Fernández, dúas veces campioa do mundo de maratón na modalidade de K2.