Néstor Rego demanda ao Goberno realizar a campaña de promoción de especies pesqueiras tamén en lingua galega

A formación nacionalista reclama que as accións pendentes incorporen comunicacións en galego para respectar os dereitos lingüísticos da cidadanía.

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Congreso novas iniciativas para exixir ao Goberno do Estado que rectifique a exclusión da lingua galega na campaña de promoción das especies pesqueiras quenlla, marraxo e peixe espada desenvolvida pola organización interprofesional INTERFISH coa participación e financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e da Xunta da Galiza.

A través desta iniciativa, o deputado do BNG, Néstor Rego, denuncia que a campaña presentada no pasado mes de agosto e difundida amplamente en vilas, cidades e medios galegos, só emprega o español, “o que supón unha clamorosa vulneración dos dereitos lingüísticos da cidadanía galega e unha falta de respecto institucional que non pode ser admitida”.

Rego reclama que o Goberno do Estado faga unha avaliación crítica da exclusión do galego, recoñecendo que unha campaña financiada con fondos públicos non pode desenvolver accións comunicativas ignorando as linguas distintas do español, mais cando a campaña conta tamén coa participación da Xunta da Galiza e se realiza principalmente na Galiza.

O deputado nacionalista exixe que o MAPA explique se tiña coñecemento de que a campaña se faría unicamente en español, e por que non deu instrucións claras para garantir o cumprimento da legalidade e o respecto polo galego.

Así mesmo, o BNG demanda que o Ministerio asuma a súa responsabilidade na posta en marcha desta campaña, supervisando a súa execución e corrixindo as deficiencias lingüísticas que se están a producir.

“Non é comprensíbel que se pretenda sensibilizar a poboación galega sobre a importancia de incorporar estas especies pesqueiras á dieta sen utilizar o galego, lingua propia do país e vehículo natural de comunicación coas nosas consumidoras e consumidores” afirma Rego.

O nacionalista tamén reclama que o Goberno adopte de inmediato medidas para asegurar que as accións publicitarias que aínda están pendentes de executar —como a foodtruck itinerante pola costa galega, o simposio previsto en Vigo a finais de outubro ou o Congreso FESNAD en novembro— incorporen materiais e comunicacións en galego.

“Aínda se está a tempo de corrixir esta discriminación lingüística. O Goberno debe demostrar con feitos o seu compromiso co galego e coas demais linguas oficiais do Estado, exixindo que todas as campañas institucionais respecten a diversidade lingüística” conclúe o deputado do BNG.

Comparte éste artículo
No hay comentarios