O goberno local levaba anos dicindo que tiña prácticamente pechado un acordo co banco propietario do antigo colexio do Sagrado Corazón para permutar parcelas para impulsar o novo Centro de Saúde do Sagrado Corazón cando, en realidade, non era certo. Agora anuncia a apertura dun proceso de expropiación que xa podía terse iniciado hai tempo e que só confirma outro exemplo máis da improvisación e das mentiras do PSOE e do BNG.
Bandazos e improvisacións
En 2022 o goberno local anunciou que estaba a negociar con ABANCA a cesión da parcela para destinala ao novo centro de saúde. Segundo explicaban entón, esta sería a fórmula “máis rápida” para que o barrio contase con esta infraestrutura sanitaria.
Pouco despois, cambiaran de criterio e mesmo chegaron a propoñer outra ubicación diferente. Ao pouco tempo, volveron rectificar e regresaron á proposta inicial do vello colexio do Sagrado Corazón.
O 26 de outubro de 2023, en resposta a unha pregunta formulada polo Grupo Popular no Pleno, o propio goberno asegurou que o acordo coa entidade bancaria estaba practicamente pechado: “só restaba que a entidade social culminase cun floco que quedaba”. Incluso afirmaron que a firma definitiva sería “inminente”.
Pregunta do PP no Pleno do 16/10/23
Ante as dúbidas xeradas por estas declaracións, o Grupo Popular acudiu ao Rexistro da Propiedade para comprobar cal era a situación real, constatando que o Concello non tiña a propiedade da parcela nin tampouco se formalizara ningunha cesión.
Agora, tras meses de anuncios contraditorios e sen avances reais, o propio alcalde recoñece que se optará pola vía da expropiación, admitindo así que non existía nin cesión, nin permuta, nin acordo real con ABANCA.
Dende o Grupo Popular preguntámonos: que fixo o goberno local durante todo este tempo? Por que se dedicaron a enganar aos veciños con anuncios baleiros e promesas incumpridas?
Durante este tempo, Lugo perdeu partidas orzamentarias da Xunta previstas para a construción do novo centro de saúde do Sagrado Corazón nos anos 2022, 2023 e 2024 por culpa da inacción de socialistas e nacionalistas.
Desde o Partido Popular lembramos que a Consellería de Sanidade leva agardando dende o ano 2021 pola cesión dos terreos, que foi reclamada ata en cinco ocasións sen obter resposta do Concello.