As xornadas contarán coa divulgadora satírica sobre psicoloxía Lorena Gascón, @lapsicologajaputa en redes sociais, que falará sobre a responsabilidade e o compromiso da divulgación científica sobre saúde mental.
Saúde Mental FEAFES Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) unen forzas para sensibilizar sobre a importancia do coidado da saúde mental entre as persoas mozas. Así, o vindeiro 8 de outubro, de 16:00 a 20:00, terá lugar a xornada “Saúde Mental e Mocidade: coidar o presente para construír o futuro” no salón de actos da Facultade de Psicoloxía de Santiago.
O obxectivo deste encontro é sensibilizar á sociedade sobre a importancia de coidar a saúde mental na etapa adolescente e xuvenil. Tamén busca difundir e poñer en valor diversas accións en prol da saúde mental que se levan a cabo tanto a nivel científico como asistencial, así como promover a cultura da prevención comunitaria e a coordinación entre distintos axentes.
O evento terá un carácter participativo, xa que tamén pretende servir de foro de intercambio e dinamización entre o estudantado universitario, familias e profesionais de diversos ámbitos. Tras cada intervención, abrirase unha rolda de participación na que o público poderá aportar a súa visión, resolver dúbidas e contribuír ás conversas.
As xornadas, que contan coa colaboración da Consellería de Sanidade e do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, están destinadas tanto ao estudantado universitario como ás súas familias, pero tamén a profesionais do ámbito da saúde, do eido psicosocial, comunitario e da educación. Así mesmo, asistirán persoas pertencentes a entidades de saúde mental e organizacións afíns.
@lapsicologajaputa falará sobre a divulgación da saúde mental en redes sociais
A xornada “Saúde Mental e Mocidade: coidar do presente para construír o futuro” comezará ás 16:00 e, tras unha apertura institucional, haberá un conversatorio sobre a divulgación científica da psicoloxía. Neste coloquio, a psicóloga, escritora e divulgadora Lorena Gascón (@lapsicologajaputa en redes), falará con Tamara Pazos (@putamen_t), tamén divulgadora e investigadora, sobre a responsabilidade e o compromiso que implica trasladar contido e información sobre saúde mental á xente moza. Conversarán sobre estilos de comunicación, boas e malas praxis na divulgación, o seu impacto, inquedanzas percibidas e, en definitiva, como empregar unha ferramenta como as redes sociais para facer chegar mensaxes de calado a unha poboación sobreexposta á información.
Dúas mesas sobre promoción, prevención e coidado da saúde mental entre a mocidade
As xornadas continuarán con dúas mesas redondas onde se darán a coñecer diversas accións que favorecen o coidado da saúde mental entre as persoas mozas. Así, a primeira estará centrada na prevención e a promoción da saúde mental entre a xuventude. Contaremos coa participación de Patricia Gómez Salgado, profesora da USC, que falará do impacto da tecnoloxía na saúde mental e no benestar emocional da adolescencia. Así mesmo, Almudena Díaz Pereira, subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do SERGAS, dará a coñecer a prevención escolar universal do suicidio a través do programa YAM.
O evento continuará cunha segunda mesa sobre coidados 360º da saúde mental entre a mocidade. Yolanda Triñanes Pego, xefa do Servizo de Atención á Saúde Mental da Consellería de Sanidade, falará da avaliación e manexo clínico das autolesións na adolescencia. Pola súa banda, Ana López Durán, coordinadora da Unidade de Atención Psicolóxica da USC, explicará o traballo que realiza a Unidade de Atención Psicolóxica da USC. Álvaro Gómez Pérez, en representación da asociación DOA, contará a súa experiencia no programa de atención integral a persoas mozas con enfermidade mental e as súas familias. Finalmente, Natalia Ruiz de Cortázar, directora da asociación Experentia, explicará como desde esta asociación introduciuse a terapia a través da aventura, un formato pioneiro en España.
Unhas xornadas participativas e de interese sanitario
As xornadas teñen solicitado o recoñecemento de interese sanitario por parte da Consellería de Sanidade. A entrada é de balde previa inscrición, ata completar aforo. O programa completo das mesmas, así como o formulario de inscrición, pódense atopar na páxina web feafesgalicia.org.
Accede ao formulario de inscrición
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coamisión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúdemental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.