O PP esixe ao PSOE provincial que cumpra o mandato do pleno e, pese ao seu voto en contra, reclame máis e mellores conexións de mobilidade ante o Goberno do Estado 

Antonio Ameijide afirmou no pleno que “basta xa” de que PSOE e BNG “sigan a permitir que o Goberno de Sánchez nos ille por terra, mar e aire” ante a desconexión da provincia da alta velocidade, recoñecida polo propio delegado do Goberno na inauguración do túnel de Oural; o mal estado das estradas galegas de titularidade estatal ao que agora se suma que “a nosa Comunidade está perdendo conexións aéreas”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular acadaron a aprobación (votos a favor do PP, en contra do PSOE e abstención do BNG) dunha iniciativa para reclamar ante o Goberno do Estado que deixe de desconectar a Lugo por estrada, ferrocarril e polo aire “restando competitividade á provincia e lastrando o futuro da actual e vindeiras xeracións”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, agarda que José Tomé cumpra co acordo do pleno e “reclame de forma real e efectiva” ao Goberno de Pedro Sánchez que “mellore as comunicacións existentes e poña en marcha todos os servizos dos que carecemos, como aquelas infraestruturas que gardaron nun caixón e son vitais para a vertebración do territorio e mellora das comunicacións”.

“É fundamental impedir a desconexión de Lugo en materia de infraestruturas por parte do Goberno de Sánchez”, sinalou.

FALTA DE VALENTÍA DE MIGUEL FERNÁNDEZ

Antonio Ameijide tamén cuestionou “a nula valentía e capacidade de manobra” de Miguel Fernández, deputado provincial e alcalde de Lugo, que “mentres no pleno do Concello de Lugo votou a favor da mesma iniciativa, na Deputación ten que obedecer á ditadura de José Tomé”. “Debe ser de que dende a Praza Maior ata San Marcos perde a súa capacidade de decisión”, criticou.

“Mención semellante facemos ao BNG, xa que mentres os seus compañeiros do Concello de Lugo apoian esta reclamación, Efrén Castro, Iria Castro e Daniel García miran cara outro lado e coa súa abstención din que non hai nada que reclamar a Pedro Sánchez”, denunciou.

Antonio Ameijide afirmou durante o pleno que “basta xa” de que PSOE e BNG permitan o abandono sistemático a Lugo en materia de infraestruturas. “O Goberno de Sánchez pretende illarnos a todos os lucenses por terra, mar e aire”, ao que engadiu que “Galicia, e concretamente a provincia de Lugo, está perdendo conexións por decisións unilaterais e imposicións do Ministro Puente, ao que se suma, tamén o atraso na construción de varias autovías ou o mantemento das estradas galegas de titularidade estatal, no peor estado da historia”. 

Un dos puntos máis preocupantes é a desconexión de Lugo da alta velocidade, a única provincia de Galicia e da contorna sen este servizo, ao que hai que engadir o mal estado das infraestruturas viarias, as autovías sen rematar ou sen iniciar, a perda de conexións aéreas dende a nosa Comunidade. “A gota que colmou o vaso foi que o Ministro Puente non citara a Lugo cando anunciou o estudo para implantar cercanías en Galicia”, denunciou. 

Un aspecto no que fixo especial fincapé Antonio Ameijide foi na recente inauguración do túnel de Oural, “a confirmación de que Lugo non terá alta velocidade ferroviaria” porque “na realidade non suporá ningunha redución do tempo da viaxe entre Lugo e Ourense”. 

“O trazado da liña, con curvas e pendentes, segue sen reunir as condicións para que os trens alcancen velocidades superiores aos 200 km/h, que se consideraría velocidade alta, en ningún punto entre Lugo e Ourense”, algo para o que é fundamental a construción das variantes necesarias de Os Peares – Canabal e Rubián. 

Ante a desconexión en materia de mobilidade nacional e internacional, os deputados populares reivindicaron no pleno da Deputación “mellores conexións para competir en igualdade de condicións” que o resto de territorios toda vez que “o illamento ao que nos somete o Goberno de Sánchez prexudica ao desenvolvemento da provincia e supón a perda de oportunidades para o noso territorio”.

PSOE E BNG, EN CONTRA DE COLABORAR DE FORMA IGUALITARIA COS CONCELLOS PARA MELLORAR O ABASTECEMENTO DE AUGA E O SANEAMENTO

PSOE e BNG votaron en contra dunha iniciativa do Grupo Popular para que a Deputación de Lugo, cumprindo coas competencias que lle confire a lei, colabore cos Concellos da provincia á hora de asesorar tecnicamente e achegar financiamento para executar melloras e dotar aos distintos núcleos de poboación de “servizos básicos” como o abastecemento de auga e o saneamento.

Os deputados do PP tamén pedían “a implicación” da Deputación de Lugo no financiamento de actuacións recollidas en convenios interadministrativos e supramunicipais relacionados co ciclo da auga como, por exemplo, no caso da colaboración asinada recentemente entre a Xunta de Galicia, o Concello de Ribadeo e o Concello de Trabada, entre outros moitos na provincia.

Os populares cren que “a Deputación, que ten máis capacidade económica que os Concellos, debe apoiar convenios coas distintas administracións e colaborar no financiamento destes servizos cos que si está a colaborar a Xunta de Galicia”. A pesar de tratarse de servizos municipais, a Lei Reguladora das Bases do Réxime Local tamén recolle que as deputacións provinciais deben asegurar os servizos municipais e prestar os servizos de carácter supramunicipal ou comarcal. 

En relación ao Plan Deputación, subliñaron que “non é suficiente para facer fronte a investimentos tan elevados que requiren dun importante esforzo económico por parte dos Concellos”. É por iso polo que dende o Grupo Popular defenden un plan específico da Deputación en materia do ciclo da auga “que o goberno de PSOE e BNG se negou a poñer en marcha cando o propuxemos ante o Pleno da Deputación”.

O deputado José María Fernández insistiu en reclamar ao goberno provincial “un trato igualitario para tódolos Concellos da provincia” e explicou, durante a súa intervención, que “mellorar os servizos públicos aos veciños é o que deben facer as distintas administracións e os seus gobernos”, polo que lamentou a negativa a apoiar esta proposta “construtiva”. 

O Concello de Ribadeo aprobara a proposta por unanimidade – co apoio de PSOE e BNG-, mentres no Concello de Trabada foi rexeitada polo alcalde e o equipo de goberno socialista. 

Vázquez considerou “moi condenable que un alcalde se negue a pedir colaboración a unha administración gobernada polo seu mesmo partido político”. E, “máis aínda que o PSOE poña o partidismo por riba do cumprimento das competencias das administracións que goberna e da prestación de servizos públicos aos veciños e veciñas”.

O deputado popular subliñou que “o que lle pedimos á Deputación é que faga o mesmo que está facendo a Xunta de Galicia”. E citou varios exemplos do investimento de Augas de Galicia na provincia “en distintos Concellos da provincia, independentemente da cor política dos seus gobernos”. Recentemente, teñen rematado as obras para a mellora do saneamento en Celeiro (Viveiro) cun investimento de preto de 4M€, está en marcha a construción da nova EDAR de Foz cun investimento de 12 M€, a Xunta dirixe 8,7M€ á depuradora de Burela e 3,3M€ á de Portomarín e para a reforma da liña de lodos da estación de tratamento de auga potable da Senra que dá servizo a Cervo e Burela inviste preto de 300.000€.

Comparte éste artículo
No hay comentarios