O PSdeG esixe á Xunta axudas compensatorias polo peche de seis meses dos bancos marisqueiros de Arousa

O Grupo Socialista vén de rexistrar iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta a posta en marcha de axudas compensatorias polo peche dos bancos marisqueiros da ría de Arousa. A medida, que supón a paralización da actividade extractiva durante seis meses, impactará directamente no sector.

A portavoz de Marisqueo do PSdeG, Paloma Castro, censurou a “falla de planificación, transparencia e participación do sector” por parte do Goberno galego, advertindo que “non é posible asumir un peche destas características sen compensación económica”. Segundo Castro, a ausencia de compromiso firme por parte da Xunta suporía “o golpe definitivo para o marisqueo a flote da ría de Arousa”.

A representante socialista esixe dúas medidas concretas:

  1. Que a Xunta permita aos mariscadores o acceso ás prestacións por cesamento de actividade tras a resolución oficial de forza maior.
  2. Un programa específico de axudas financiado con fondos FEMPA que garanta a viabilidade económica do sector durante o resto do peche (xaneiro, febreiro e marzo de 2026).

Castro conclúe que a falta de compromiso da Xunta “fai evidente a súa falta de vontade para abordar o futuro do marisqueo dende unha perspectiva sostible e socialmente xusta”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios