O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, viaxou até Bruxelas para participar nas xornadas sobre vivenda celebradas no Parlamento Europeo, baixo o título «Repensando a vivenda xuntas, todo o mundo merece un lugar ao que chamar fogar». As xornadas desenvólvense o 1 e o 2 de outubro nas instalacións do Parlamento Europeo en Bruxelas, e tratan sobre as políticas a executar desde os diversos estamentos para frear a suba do prezo da vivenda.
Arroxo formou parte da mesa de debate «o rol das autoridades locais e rexionais como principais actores e garantes dunha Vivenda Asequible, Sostible e Digna na UE», que foi moderada pola plataforma europea de cidades «Eurocities», e compartiu espazo con Elena Azcárraga, antiga Directora Xeral de Vivenda e Rexeneración Urbana da Generalitat Valenciana; Renaud Payre, Vicepresidente da área metropolitana de Lyon encargado de vivenda, vivenda social e desenvolvemento urbano; Tomislav Tomašević, Alcalde de Zagreb; e Marieke van Doorninck, antiga concelleira do Partido Verde en Ámsterdam e actual integrante do Comité Executivo dos Verdes Europeos.
Neste espazo de debate analizouse a situación do acceso á vivenda nas diferentes cidades e territorios europeos, así como as alternativas que se están promovendo desde as institucións locais para combater fenómenos como a especulación inmobiliaria, a falta de vivenda pública e o impacto dos alugueiros turísticos.
Arroxo destacou a importancia de «converter as cidades en lugares nos que vale a pena vivir, con espazos públicos humanizados e dando servizos importantes á veciñanza». Arroxo fixo fincapé no traballo realizado nos últimos anos na cidade de Lugo «convertendo a Lugo na cidade dos 5 minutos». Arroxo explicou que «recuperamos para as persoas novos espazos que antes estaban tomados polos coches, e conseguimos aumentar a convivencia do peón e do vehículo». A isto, explicou Arroxo, «súmase a posta en marcha dun transporte público que cada vez conta con máis usuarios, ou o servizo de vieiros escolares, que permite aumentar a conciliación familiar e fomentar desde as idades máis temperás hábitos saudables como desprazarse a pé».
Arroxo afirmou que «Lugo está máis vivo que nunca, vémolo na cifra de poboación, pero tamén no récord de visitantes, no récord de actividade cultural e no potente dinamismo económico», indicadores que, segundo o Tenente Alcalde, demostran que Lugo é unha cidade que «guste ou non, estase a transformar». «Falamos de transformar e non de construír porque Lugo é unha cidade feita, con moita historia» destacou Rubén Arroxo.