María Rozas e Almudena Díaz asistiron á entrega de diplomas e destacaron o valor social e transformador do proxecto.
A antiga escola rural de Figueiras acolleu o acto de clausura da segunda edición de Capacitadamente, un proxecto pioneiro impulsado por Cegasal que busca derrubar o dobre estigma que sofren as persoas con trastorno de saúde mental: o da discapacidade e o do prexuízo social. Nesta edición, unha vintena de participantes recibiron o seu diploma, e varios deles xa teñen contratos asinados ou prácticas en marcha.
O presidente de Cegasal, Mino Martínez, subliñou que “non estamos aquí só para pechar un programa, senón para celebrar un paso máis cara a unha sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis consciente de que ninguén pode quedar atrás”. Martínez agradeceu o compromiso das empresas colaboradoras, como Johnson & Johnson, e lembrou que a continuidade do proxecto precisa “apoio decidido e estable das administracións públicas, porque cada persoa que queda fóra do mercado laboral é unha oportunidade perdida para ela e para o conxunto da sociedade”.
O xerente rexional de Acceso ao Mercado de Johnson & Johnson, Antolín Castedo, destacou que para a compañía “a responsabilidade social corporativa non é unha iniciativa illada, é o alicerce da nosa identidade. Forma parte de cada decisión e de cada produto, e por iso apoiamos proxectos como Capacitadamente, que facilitan a inclusión real de persoas con discapacidade no tecido económico e social de Galicia”. Tamén interveu Carlos Martínez, xerente do Centro Especial de Emprego ERIT Itínera, que acolleu parte da formación. Cun ton próximo e cheo de humor, relatou a historia do centro e recoñeceu que “a confianza deCegasal e o éxito de iniciativas como esta foron claves para darlle ao proxecto estabilidade e futuro”.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude do Concello de Santiago, María Rozas, e a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental da Xunta de Galicia, Almudena Díaz, asistiron á entrega de diplomas aos participantes, poñendo en valor o impacto social e transformador dun proxecto que “dálle unha lección á sociedade e ás institucións sobre o que significa apostar pola inclusión real”.
Rozas foi especialmente clara ao recoñecer a falta de implicación das administracións públicas neste tipo de iniciativas e apelou a un maior compromiso institucional para impulsar proxectos que, como Capacitadamente, “marcan a diferenza real na vida das persoas”: “Non estivemos á altura”, afirmou, “e iso ten que cambiar», dixo.
Un proxecto que transforma vidas
Durante meses, Capacitadamente ofreceu formación práctica en ámbitos como hostalaría, xardinaría ou habilidades prelaborais, ademais de acompañamento emocional e apoio persoal. O resultado: persoas que levaban anos afastadas do mercado laboral deron un paso firme cara a súa inclusión, recuperando confianza e expectativas. Unha das conclusións que deixou o acto é clara: cando se lles abre unha porta, as persoas con problemas de saúde mental responden con talento, compromiso e ilusión.