Nicole Grueira recorda que todas as mocións se rexistraron correctamente polo que “este veto responde á negativa de Lino Rodríguez a dar explicacións de por que non actúa acorde á lei”.
A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, denuncia “o veto decidido de forma unilateral” polo alcalde, Lino Rodríguez, aos concelleiros populares xa que “ningunha das mocións rexistradas en tempo e forma se incluíron na orde do día do pleno do mércores, como tampouco figura a petición de comparecencia do alcalde”.
Nicole Grueira recorda que as mocións rexistradas e vetadas son:
– Recuperar servizos para o CEIP Rosalía de Castro, como o do conserxe, así como mellorar o mantemento
– PAI: traslado do punto de atención á infancia a outro edificio municipal con mellores condicións para os nenos e traballadores
– Cobro das nóminas: asegurar que os traballadores do Concello de Pol cobrarán en tempo e forma e non se repetirá a situación do mes pasado cando cobraron a día 12
– Camiños e pistas: realizar un plan de mellora das pistas e camiños municipais
Nicole Grueira explica que tampouco se incluíu na orde do día a petición de comparecencia do alcalde: “A negativa do alcalde a aceptar a súa comparecencia para explicar a sanción imposta ao bus municipal e por que levou menores a pesar de telo prohibido só responde a que está acurralado e non ten escapatoria algunha porque sabe que infrinxiu a lei”.
A voceira popular explica que “este veto non vai contra o Partido Popular, senón que vai contra todos os veciños de Pol porque son propostas en positivo que buscan mellorar a calidade de vida dos veciños, así como mellora os servizos que reciben por parte do Concello”.
“Vemos como a deriva que tomou Lino Rodríguez é totalmente ditatorial. Pensa que pode facer e desfacer como lle ven en gana, pero ten unhas normas coas que rexerse, así como debe de dar exemplo a toda a veciñanza cunha actitude exemplar que, cada día que pasa, está claro que non ten”, sentenciou.