O voceiro dos nacionalistas, Xurxo Rodríguez, afirma que “o equipo de goberno debería exixir a Portos de Galicia que o arranxe, pois é o propietario do inmoble; e propoñemos que o diñeiro que aporta o Concello para esta actuación sexa dedicado a realizar zonas de xogo para a rapazada e a amañar o parque infantil da escola de Camelle”
BNG de Camariñas vén de rexeitar no pleno extraordinario celebrado este martes 7 de outubro que o Concello asuma a rehabilitación do edificio da antiga lonxa para facer un museo dos naufraxios. Os nacionalistas consideran que Portos de Galicia, como propietario do inmoble, debería ser o que se encargase de acometer a reforma das instalacións, ademais de que levar a cabo o Plan Especial sobre o porto.
O voceiro da formación nacionalista en Camariñas, Xurxo Rodríguez, manifestou que “o goberno local tería que deixar sen efecto a cesión dese espazo e exixir a Portos que o arranxe; o Concello vai a rehabilitar un edificio que non é de titularidade municipal”.
O portavoz do BNG camariñán propuxo na sesión plenaria que o diñeiro que o Concello vai a destinar a reformar a antiga lonxa sexa dedicado a realizar zonas de xogo para a rapazada e a amañar o parque infantil da escola de Camelle.
O grupo nacionalista lembrou que xa en febreiro deste ano presentou en pleno unha emenda aos orzamentos municipais na que pedía a retirada da partida da rehabilitación da antiga lonxa para facer o museo dos naufraxios, esixindo a Portos de Galicia o mantemento e conservación do edificio.
A actuación que pretende levar a cabo o equipo de goberno ascende a 430.000 euros, dos cales o Concello de Camariñas ten que aportar 100.000 euros. O restante cubriríase cunha subvención nominativa da Deputación da Coruña.