Para acceder ao programa, impulsado polo grupo de investigación Laboratorio de Bases de Datos, é necesario inscribirse a través da súa páxina web e conta cun máximo de 30 prazas.
O Grupo de Investigación Laboratorio de Bases de Datos, adscrito á Facultade de Informática da Universidade da Coruña, vén de crear ALCMENA, un novo programa de mentoría de algoritmos competitivos para promocionar a formación algorítmica do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato de Galicia.
O obxectivo xeral deste iniciativa é fomentar o interese e o talento no campo da informática e a programación entre o estudantado, axudando a desenvolver as habilidades de programación e resolución de problemas algorítmicos, a promover o pensamento lóxico e a creatividade e a descubrir e potenciar o talento neste ámbito científico. Ademais, ao estar aliñado coa formación da Olimpíada Informática Española, permitirá preparar ao alumnado para concursos de programación, como a Olimpíada Informática Galega.
O Laboratorio de Bases de Datos
Este grupo de investigación, adscrito á Facultade de Informática da UDC, leva anos intentando impulsar a programación competitiva en Galicia, así como tamén organizando diversos eventos e competicións neste eido, como a Olimpíada Informática Galega e outros concursos universitarios en programación.
Desde o Grupo manifestan que “as grandes empresas tecnolóxicas están a amosar un interese real neste tipo de perfiles de programación competitiva, polo que resulta unha boa oportunidade para poder descubrir vocacións profesionais cun futuro prometedor no mundo laboral”.
Inicio da formación
A primeira actividade desta nova formación é a impartición de clases de apoio e mentoría de programación, que terán lugar os venres pola tarde, cada dúas semanas, de 18:00 a 19:00 horas, na Facultade de Informática, empezando o venres 10 de outubro de 2025.
ALCMENA está aberto a todo o alumnado de ESO e Bacharelato da comunidade autónoma de Galicia, sen necesidade de ter coñecementos previos de programación, ata completar as 30 prazas dispoñibles. Para acceder ao programa é necesario inscribirse nesta ligazón. Non é necesario que se realice desde os centros educativos, pode facerse de xeito individual. A inscrición estará aberta durante todo o curso, pero recoméndase a participación desde o inicio