O Grupo Socialista contrapón a Galicia “de fantasía” de Rueda co “baño de realidade” económica polo aumento do gasto e da débeda dos que alertou onte a Airef

por Redacción Galicia

Patricia Iglesias alerta de que a fiscalidade “para ricos” do PP deixa a Galicia con 150 millóns de euros menos cada ano por “imitar o dumping fiscal de Ayuso”

A portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, alertou hoxe do “baño de realidade” que lle deu onte a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal -Airef- á “Galicia de fantasía” que debullou Rueda no debate de investidura. Iglesias referiuse aos datos económicos coñecidos onte que sitúan a Galicia en risco de incumprir a regra de gasto pola rebaixa das previsións económicas para 2024.

Explicou que o incremento do 8 por cento no gasto e o aumento da débeda nun 15 por cento desequilibra a fiscalidade galega e provoca un “deterioro importante das finanzas públicas”, co risco de que “deixen sen atender a calidade dos servizos públicos como sanidade, educación, servizos sociais ou dependencia”.

Advertiu que “a economía galega non vai tan ben” ao crecer un 1,8 por cento, fronte ao 2,5 do Estado, e logo de que pecharan 11.000 empresas en 2022, como lembrou onte no debate de Investidura o portavoz socialista José Ramón Gómez Besteiro.

A responsable socialista alertou de que Galicia deixa de recadar 150 millóns de euros ao ano ao imitar o “dumping fiscal” de Ayuso cunha política fiscal “para ricos” que encabeza Rueda. Lembra que a súa decisión de deixar sen aplicar o imposto ás grandes fortunas, as exencións ao imposto do Patrimonio ou as novas exencións ao imposto de Herdanzas que ten anunciado para os maiores patrimonios, en realidade agocha menos recursos para os servizos públicos.

Reclamoulle ao presidente galego “altura de miras” e que “deixe de facerlle oposición á oposición”, asumindo a súa responsabilidade como presidente da Xunta á fronte dunha Galicia que “non vai tan ben porque medra menos que o resto de España”. Reclamoulle ao goberno galego que recoñeza ademais o impacto positivo das políticas do Estado sobre o aumento de cotizantes á Seguridade Social, a redución do paro ou o incremento do Salario Mínimo Interprofesional.

Oposición útil e realista

A parlamentaria socialista remarcou que os socialistas galegos farán unha oposición “útil e realista” fronte a un Rueda “conformista”, tal e como se demostrou no debate do Estado da Investidura de onte. Sinalou a mostra de “responsabilidade institucional” que ofreceu onte o portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, ofrecendo lealdade “con maiúsculas” ao presidente do goberno galego aínda que sen deixar de lado a crítica, pero lonxe das prácticas do PP no Congreso.

Anunciou catro anos de defender e explicar “propostas rigorosas” baixo o liderado dun José Ramón Gómez Besteiro “vixilante coas políticas do PP”, como amosou coa oferta de 5 acordos en materia de sanidade, vivenda, economía, lingua e financiamento local.

A responsable socialista mantivo hoxe un encontro cos responsables da Plataforma SOS Sanidade Pública, que se concentraron diante do Parlamento na defensa da sanidade pública e contra o deterioro provocado polos recortes do goberno do PP. Lembrou o compromiso dos socialistas galegos coa sanidade e as reiteradas propostas para reforzar este servizo público comezando pola Atención Primaria e a mellora das condicións laborais dos profesionais.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario