A formación nacionalista presenta iniciativas no Parlamento galego a través do deputado Oscar Insua, que afirma que “hai tempo que existe preocupación na xente, que ten medo cruzar a estrada porque hai vehículos que pasan a moita velocidade, sobre todo pola noite. Xa houbo varios atropelos, e o luns outro cun falecido; algo hai que facer”.
O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, presentou varias iniciativas no Parlamento galego nas que urxe á Xunta de Galiza, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), a realizar unha auditoría urxente de seguridade viaria no tramo urbano da AC-445 ao seu paso por Corcubión, e implantar medidas de acougado de tráfico como pasos de peóns sobreelevados, lombos redutores de velocidade ou radares pedagóxicos; así como a mellora da sinalización vertical e horizontal para advertir da presenza de peóns e da obriga de reducir a velocidade.
Entre a batería de propostas do parlamentario nacionalista figura ademais adoptar as medidas que sexan necesarias para mellorar a seguridade no lugar da Amarela (Corcubión), instalando pasos de peóns e sinais de redución da velocidade, ademais de solicitar tamén que se colabore co consistorio corcubionés para garantir a execución de todas as medidas acordadas.
A formación nacionalista sinalou que a estrada AC-445, que constitúe unha das principais vías de comunicación da comarca de Fisterra, presenta graves deficiencias en termos de seguridade viaria ao seu paso por Corcubión, especialmente na travesía, no tramo que cruza o núcleo urbano e no lugar da Amarela, antes de chegar a Estorde. Así mesmo, advertiu que nos últimos anos téñense producido varios atropelos, algúns deles con consecuencias moi graves, como o desta semana, onde falecía un viandante ao cruzar no inicio da travesía.
O BNG subliñou que a veciñanza leva tempo reclamando medidas que contribúan a reducir a velocidade dos vehículos e a mellorar a seguridade dos peóns. A configuración actual da vía, cun tránsito elevado e con escasos elementos de acougado de tráfico, contribúe a situacións de risco, “pois son moitos os veciños e veciñas que ven cruzar os vehículos a gran velocidade pola mesma travesía, sobre todo á noite cando existe menos visibilidade, a pesar de ter pasos de peóns iluminados”.
No tramo de dita estrada que cruza o lugar da Amarela, segundo os nacionalistas a situación é similar, pois non existe un paso de peóns para cruzar a vía, que está limitada a 50Km/h, “mais os vehículos circulan a velocidades superiores, polo que é preciso establecer un paso de cebra, como xa se ten reclamado en Estorde (Cee), ou na Anchoa (Fisterra), lugar este último onde si se puxeron despois de que un veciño fisterrán perdera a vida cruzando a estrada”.
O deputado Oscar Insua manifestou que “existen moitas formas de reducir a velocidade dos vehículos, só hai que ter cartos e vontade. Cartos teñen moitos na Xunta, pero vontade moi pouca. A veciñanza ten medo e só pide máis seguridade para cruzar a estrada en todo o pobo e na Amarela.
O parlamentario do BNG insistiu en que “aresponsabilidade é da AXI, porque son titulares da vía e por tanto teñen competencia para todo, tamén para buscar e dar solucións; que non poñan escusas”.