O PSdeG de Lugo reforza o seu traballo político con encontros comarcais

O PSdeG-PSOE de Lugo inicia unha rolda de encontros polas comarcas da provincia co obxectivo de reforzar o contacto coas bases e preparar os vindeiros comicios municipais de 2027.

O anuncio foi feito polo secretario xeral, José Tomé Roca, durante a reunión da Executiva Provincial celebrada na sede do partido. Tomé Roca explicou que estas xuntanzas servirán para «dinamizar o traballo das agrupacións» e «coñecer de primeira man o que acontece en cada concello». A iniciativa busca anticiparse ás necesidades da cidadanía e ofrecer respostas rápidas e eficaces ante os problemas.

Ademais, o líder socialista sinalou que o partido continuará a «pór voz ás demandas da cidadanía fronte á pasividade da Xunta de Galicia», criticando a falta de planificación do goberno autonómico en servizos básicos como o Servizo de Axuda no Fogar, a sanidade ou o transporte público.

A finalidade destas xuntanzas é clara: o PSdeG-PSOE quere «volver gañar as eleccións municipais en 2027 para seguir gobernando a maioría dos cidadáns» da provincia, segundo declarou Tomé. O partido reafirma así o seu compromiso cun proxecto político activo e participativo, centrado nas preocupacións reais da veciñanza.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios