Ameijide defendeu ao turismo como “sector estratéxico” e incidiu no “traballo de hostaleiros, hoteleiros, autónomos, Concello e Xunta” mentres que “a Deputación de Lugo se atopa nun letargo de anos sen avances”.
O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, afondou na “necesidade urxente de que a Deputación lidere unha estratexia turística coordinada e profesional escoitando ao sector e ao resto de administracións, non unha estratexia de pagar excursións. Apostar polo turismo é apostar polo futuro, pola dignidade e polo orgullo de toda a nosa provincia”.
Ameijide lamentou, polo tanto, que “o goberno provincial de PSOE e BNG votara en contra” de elaborar e desenvolver un Plan Estratéxico de Turismo en coordinación cos 67 concellos, cos profesionais do sector e escoitando as recomendacións do Consello Provincial de Turismo e que recolla as liñas mestras de actuacións por parte da Deputación de Lugo en materia de turismo para os vindeiros anos e que sirva como guía para todos os implicados no apoio ao impulso da imaxe da provincia de Lugo. Así mesmo, condenou as críticas de PSOE e BNG ao Xacobeo, a principal marca turística que atrae a milleiros de visitantes a Galicia e á provincia de Lugo, “sendo especialmente grave por parte da responsable de Turismo da Deputación de Lugo. Moléstalles o Camiño de Santiago que consideran un parque de atraccións, a marca ‘Galicia Calidade’… moléstalles todo”, apuntou.
Ameijide censurou que “mentres outras provincias traballan para atraer turismo todo o ano (Pontevedra aproveita correctamente as Rías Baixas, Ourense o termalismo e A Coruña impulsa grandes eventos e promoción urbana, Lugo carece dunha estratexia recoñecible e cohesionada”. De feito, afeou a ausencia de promoción exterior e captación de turismo internacional, excesiva dependencia do turismo estacional, ausencia de liderado e traballo para desestacionalizar o turismo, para atraer congresos, para traer turismo deportivo e gastronómico ou para xerar marca en torno ao turismo rural.
O popular lembrou que “o último Plan Estratéxico de Turismo (2017-2020) leva xa seis anos caducado e, mentres estivo en vigor, miraron para el. Nunca chegou a ser unha realidade. Non cumpriron nin coa súa propia estratexia”. O portavoz expuxo que ‘Lugo Cambia 360’ fracasou, o ‘Espazo Profesional’ da web de Turismo está desactualizado, os enlaces ás aplicacións móbiles non funcionan, a canle de YouTube da Deputación está practicamente morta, non existen promocións efectivas de rutas esenciais e esquécense de poñer en valor itinerarios culturais de primeira orde como a Vía Romana XIX, a Vía Rexia do Norte ou a Vía Künig.
“E todo isto non é por falta de recursos porque orzamento para propaganda e autobombo teñen”, apuntou. De feito, “para 2026 máis de 130M€ de orzamento, dos que reservaron 3,6M€ en materia de promoción do territorio e turismo, unha inxección económica que non se traduce nun fomento real e efectivo da imaxe de Lugo nin en captar turismo”.
Ameijide defendeu ao turismo como “sector estratéxico” para a provincia que conta cun territorio extenso con numerosos e excepcionais recursos: patrimonio histórico, riqueza natural, gastronomía, o Camiño de Santiago, Patrimonios da Humanidade e coa Ribeira Sacra en plena carreira para acadar tamén esta distinción. A este respecto, destacou “o traballo de hostaleiros, hoteleiros, autónomos, Concello e Xunta” mentres que “a Deputación de Lugo non avanza: atópase nun letargo de anos sen avances”.
HERDANZA DO PARTIDO POPULAR E PAPEL DO CONSELLO DE TURISMO
“A realidade é que seguen a vivir das herdanzas do pasado”, asegurou o popular toda vez que “o goberno de PSOE e BNG vive exclusivamente das rendas de anteriores gobernos do Partido Popular de recursos e iniciativas que nin souberon manter”. Un exemplo claro son os catamaráns, as rutas fluviais pola Ribeira Sacra que son un éxito, pero que “PSOE e BNG non souberon manter” porque incluso algún catamarán chegou a afundirse. Así mesmo, incidiu no “sangrante abandono institucional” de infraestruturas turísticas coma o complexo turístico de Augas Mestas, os clubs náuticos coma o de Belesar, os miradoiros…
Tamén lembrou que “o deseño das zonas verdes dende a capital (como os paseos do Rato e do Miño) ata outras comarcas ou as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses levan o selo do Partido Popular”.
“O único logro que pode atribuírse este goberno de PSOE e BNG é a creación do Consello Provincial de Turismo que, na práctica, se converteu nun organismo baleiro de contido, sen capacidade para impulsar nada”. Ademais, subliñou que “é curioso que o BNG, socio deste goberno, nin sequera asista ás reunións do Consello de Turismo, dando mostra dun desinterese absoluto”.