A Deputación da Coruña presenta o programa MercaNaVila aos comerciantes de Ortigueira

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, reuniuse hoxe coa Asociación de Comercios de Ortigueira.

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, reuniuse hoxe na tenda Goda Moda de Ortigueira con membros da Asociación de Comercios de Ortigueira para presentar o programa MercaNaVila e resolver dúbidas sobre o proceso de adhesión dos establecementos interesados.

A iniciativa, impulsada pola Deputación da Coruña en colaboración coa Federación Galega de Comercio, está dotada con 6 millóns de euros para apoiar o comercio local nos concellos de menos de 20.000 habitantes e dinamizar as compras de proximidade.

Os comercios poden adherirse ao programa ata o 20 de outubro a través da plataforma www.mercanavila.gal, onde tamén se explica o procedemento de validación dos descontos e o sistema de reembolso.

Rosa Ana García explicou que “MercaNaVila é unha ferramenta directa para incentivar as vendas e fortalecer o comercio dos pequenos municipios, que é un motor esencial para a economía e o emprego das nosas vilas. O obxectivo é mobilizar arredor de 25 millóns de euros en vendas nos comercios das vilas e pobos da provincia da Coruña”, explicou a deputada, que sinalou que en apenas uns días xa hai máis de 570 tendas e negocios inscritos para participar nesta campaña de dinamización do comercio local.

Descontos de 100 € para compras en comercio local

O programa permitirá ás persoas consumidoras obter bonos de 100 euros en descontos directos para mercar nos establecementos adheridos, con bonos que estarán dispoñibles  para descargar no móbil a partir do 20 de outubro. 

A reunión en Ortigueira forma parte das accións informativas que a Deputación está a desenvolver por toda a provincia para difundir o programa e acompañar os comercios locais no proceso de inscrición e posta en marcha do programa MercaNaVila.

Comparte éste artículo
No hay comentarios