O Partido Popular de Ames insiste na necesidade de retirar o lixo dun vertedoiro incontrolado nos Batáns, xusto enfronte do cemiterio municipal, segundo figura no escrito presentado este pasado 7 de outubro recordando ó goberno municipal que este feito xa se puxo no seu coñecemento hai un ano sen que se tomara ningún tipo de medidas.
Xa daquela, a raíz do escrito do PP presentado o 14 de outubro de 2024, o goberno municipal respondeu que “pola grande cantidade de residuos vémonos obrigados a contratar unha empresa especializada para realizar a retirada do lixo depositado”, incidindo ademais en que “para previr esta situación e outras como poden ser a presencia de madeireiros sen permisos no monte, a Policía Local reforzará dentro das súas posibilidades o servizo patrulla”.
A realidade, tal e como indica o PP no seu escrito, é que “transcorrido un ano dende que se puxese en coñecemento do Concello esta situación, o vertedoiro incontrolado dos Batáns permanece nas mesmas condicións que no momento da denuncia. Tampouco se ten coñecemento de que se asinase ningún contrato menor para a retirada dos vertidos como indicaba o concelleiro de Medio Ambiente”.
Non é o único caso no municipio xa que o PP advirte ademais que tivo coñecemento da existencia doutro vertedoiro incontrolado no lugar de Fraíz, a carón do Rego de Paramuíño. Neste caso entre os residuos amoreados existen pranchas de uralita con amianto, “polo que o risco de contaminación e risco para a saúde das persoas e do medio natural é aínda maior.”


O PP solicita no seu escrito “que se proceda á maior brevidade posible á retirada dos residuos amoreados no lugar de os Batáns e de Paramuíño” e que “se informe sobre as medidas adoptadas polo Concello de Ames para previr a aparición de vertedoiros incontrolados; e especialmente, sobre si se levou a cabo o reforzo por parte da Policía Local para previr situacións como esta”, segundo expuxera o goberno local na súa resposta do 24 de outubro de 2024, hai xa case un ano.
Hai un ano o goberno municipal reaccionaba ó escrito dos populares indicando que se iba contratar unha empresa para deixar limpo o lugar pero agora o PP quere que se lle “indique por parte do concelleiro de Medio Ambiente a data na que se executaron os traballos da recollida dos residuos denunciados en outubro do ano 2024 nos Batáns e a empresa que levou a cabo a retirada dos mesmos”.
O Partido Popular quere saber se o goberno local coñece “o número e emprazamentos de vertedoiros ilegais emprazados no Concello de Ames durante o último ano, e se indique o número de procedementos sancionadores tramitados aos responsables dos mesmos”.