Nicole Grueira sinala que “o alcalde vetou unha moción no pleno” para debater sobre o traslado do PAI a outra instalación municipal que cumpra unhas condicións mínimas para garantir a seguridade dos usuarios e traballadores.
A voceira municipal do PP de Pol, Nicole Grueira, denuncia “a total intención” do alcalde, Lino Rodríguez, de pechar o Punto de Atención á Infancia do municipio “ao negarse o rexedor a aceptar un cambio de localización ou calquera solución que se lle poña sobre a mesa” para que os pequenos poidan disfrutar dunhas instalacións axeitadas as súas necesidades.
Nicole Grueira afirma que “o alcalde minte deliberadamente” cando afirma que “é a Xunta a que ten que dar a solución” xa que “as competencias sobre o PAI son de carácter municipal”. “Dende o Partido Popular puxemos innumerables solucións sobre a mesa para que o alcalde simplemente tivera que elixir que solución quería, pero a única realidade é que se pechou en banda e o único camiño que quere seguir é pechar este servizo esencial no municipio”, denunciou.
A voceira popular recorda que para o pleno que se celebrou esta semana rexistramos, entre outras iniciativas, unha moción para dar unha solución ao PAI, solución que pasaba por estudar o seu traslado a unha nova localización “máis axeitada, segura e accesible”, así como que se garanta a dotación de todos os recursos necesarios no novo espazo, co fin de asegurar que o servizo se preste.
“O resultado foi que o alcalde vetou esta e todas as iniciativas que levamos ao pleno e cando lle preguntamos polo PAI o único que dixo é que quería pechalo para, a continuación, falta do único que lle interesa: dun partido de fútbol”, criticou.
Nicole Grueira sinala que cómpre lembrar que “a día de hoxe, o PAI de Pol presenta importantes carencias e sinais evidentes de abandono por parte do Concello, polo que cómpre garantir a seguridade dos usuarios e dos traballadores”polo que é necesario o seu traslado a outras dependencias. “O Concello dispón de inmobles e espazos públicos que cumpren as características técnicas para poder acoller o servizo con máis garantías, proporcionando unha atención máis digna, cómoda e segura tanto para os nenos como para o persoal educativo”, sinalou.
Estas instalacións están en mal estado “polo único capricho do alcalde, que desatende as súas obrigas”.
“Basta con botar unha ollada ao recinto no que está o PAI. Se miramos á dereita vemos como ten o campo de fútbol, en perfecto estado de revista; pero se miramos á esquerda, vemos como ten totalmente abandonado o PAI. Queda claro cal é a súa única preocupación e, lamentablemente, non son os nenos de Pol”, lamentou.
Un abandono das instalacións por parte do alcalde que chegan ao punto de que os pais e nais dos nenos e nenas víronse na obriga de colocar palés no chan para poder chegar ao PAI sen mollar os pés nas pozas que se forman cando chove.