Arroxo: «Esta actuación mellorará mellorará a fluidez do tráfico e permitirá avanzar na eliminación de semáforos, aumentando a seguridade do tráfico e mellorando a mobilidade en Lugo».
Rubén Arroxo, Tenente Alcalde e concelleiro responsábel da área de Mobilidade, acompañado do edil de Infraestruturas Alexandre Penas, visitaron o a intersección entre Afonso X O Sabio e a Rolda de Fingoi, onde a Tenencia de Alcaldía vén de comezar os traballos para substituír o cruce regulado por semáforos por unha rotonda que, segundo Arroxo «suporá unha importante mellora para a fluidez do tráfico en Lugo, eliminando un cruce regulado por semáforos e aumentando a seguridade da zona».
A intersección da rúa Alfonso X coa Rolda de Fingoi é na actualidade un cruce regulado por semáforos no que conflúen viais de similar intensidade de tráfico. No aspecto visual é un espazo espido, en contraste co bulevar da Rolda de Fingoi, e de dimensións demasiado altas para ó tráfico que soporta. Coa mellora da intersección preténdese acadar unha mellora tanto funcional como estética e de integración na contorna, mellorando a seguridade da intersección viaria ó mesmo tempo que se reducen os tempos de espera.
Con esta actuación, o Goberno de Lugo busca eliminar os semáforos creando unha rotonda axardinada, e redeseñando as entradas para garantir a seguridade dos peóns e manter a continuidade da rúa. Adaptarase o alumeado ó novo deseño, avanzando na implantación de alumeado LED e modificarase a rede de saneamento para garantir a correcta drenaxe da intersección. A empresa Ovisa é a encargada deste traballo que conta cun orzamento de 183.557€ euros e un prazo de execución de tres meses.