Néstor Rego: “A dereita volve a situarse a carón da patronal e dando as costas aos dereitos da clase traballadora”.
O Pleno do Congreso rexeita a toma en consideración da Proposición de Lei presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) para fixar a xornada laboral máxima legal en 35 horas semanais, sen redución salarial. A iniciativa contou co voto en contra do Partido Popular, que impediu a súa tramitación, e co apoio de 165 deputados e deputadas.
O deputado do BNG, Néstor Rego, lamenta o resultado da votación e critica que “a dereita ultra e a ultradereita volvan a actuar como voceiros da patronal, bloqueando unha medida de xustiza social que melloraría as condicións de vida e laborais de millóns de traballadoras e traballadores”.
“O PP demostra, máis unha vez, que está do lado dos intereses empresariais e non das maiorías sociais. O BNG seguirá defendendo a redución da xornada laboral porque é unha medida transformadora, beneficiosa e perfectamente posíbel” afirma Rego.
Unha medida social, laboral e económica necesaria
A proposta do BNG tiña como obxectivo reducir a xornada máxima legal das actuais 40 horas a 35 semanais, marcando tamén o horizonte das 32 horas e catro días laborábeis, seguindo o exemplo doutros países europeos como Francia.
Segundo explica Rego, a medida responde a catro obxectivos principais como “mellorar as condicións de vida e laborais da clase traballadora, facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, repartir o traballo e favorecer a incorporación ao emprego, especialmente da mocidade e mellorar a saúde laboral e reducir o gasto público derivado do estrés e dos riscos psicosociais”.
“Traballar máis non é producir máis. A experiencia demostra que reducir a xornada aumenta a produtividade, a saúde e o benestar” subliña o deputado nacionalista.
Galiza entre as xornadas máis longas da UE
Rego destaca que, na Galiza, máis de 534.000 persoas traballan máis de 40 horas semanais, e preto de 100.000 superan as 50, segundo datos da EPA. Ademais, a xornada media anual é de 1.757 horas, moi por riba das 1.341 de Alemaña ou das 1.478 de Francia.
“Traballamos máis e cobramos menos: esta realidade non é sostíbel nin social nin economicamente” advirte o deputado.
Rexistro horario e protección fronte á flexibilidade abusiva
A iniciativa incorporaba tamén melloras no rexistro horario e na ordenación da xornada, limitando a distribución irregular do tempo de traballo e garantindo o control sindical dos horarios.
“Queremos acabar coa flexibilidade imposta polas reformas laborais, que permite ás empresas ampliar xornadas e dificultar a conciliación” explica Rego.
“Seguiremos insistindo até conseguilo”
O deputado nacionalista afirma que, a pesar do rexeitamento da dereita, o BNG persistirá na defensa desta proposta: “esta é unha iniciativa en positivo, que beneficia aclase traballadora galega e do conxunto dos pobos do Estado. Se hoxe non sae adiante, persistiremos até conseguilo” sentenza Néstor Rego.