O BNG cualifica de “despropósito maiúsculo” a proposta do Goberno de subir a cota ás persoas autónomas dos tramos máis baixos

“Abonda xa de asfixiar as persoas autónomas. Que alguén que gaña 500€ teña que pagar 200€ é unha auténtica barbaridade” di Rego.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) mostra o seu rotundo rexeitamento á proposta do Goberno central de incrementar as cotas que pagan as persoas traballadoras autónomas nos tramos máis baixos. O deputado nacionalista Néstor Rego cualifica a medida de “despropósito maiúsculo” e advertiu que a súa formación non só votará en contra, senón que defenderá unha redución das cotas para os tramos de ingresos máis baixos.

Rego denuncia que a actual política económica “asfixia as persoas autónomas”, un colectivo que, segundo explica, “soporta unha presión fiscal e administrativa desproporcionada”. “Que alguén que gaña 500 euros teña que pagar 200 euros de cota é unha auténtica barbaridade” afirmou o deputado, insistindo en que a situación actual “resulta insostible para miles de pequenos traballadores por conta propia”.

O parlamentario do BNG reclama ao Executivo que rectifique a súa formulación e aposte por un sistema máis xusto e progresivo, en que as achegas á Seguranza Social “se axusten verdadeiramente aos ingresos reais” e non supoñan un castigo para quen menos gaña.

“O Goberno non pode seguir lexislando de costas á realidade das persoas autónomas” engade Rego, subliñando que “se de verdade se quere fomentar o emprego e a actividade económica, hai que facilitar o traballo de quen levanta o país día a día desde os seus pequenos negocios”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios