O PP rende homenaxe a Francisco Cacharro, motor da modernización de Lugo

O Partido Popular de Lugo celebrará o vindeiro mércores, 5 de novembro, un acto de lembranza a Francisco Cacharro Pardo, coincidindo co décimo aniversario do seu pasamento.

O evento terá lugar ás 19:00 horas no salón de actos da Facultade de Veterinaria, un espazo especialmente simbólico por cumprir ese día 41 anos do inicio das clases nesa Facultade, un proxecto ao que Cacharro dedicou unha atención decisiva dentro do seu obxectivo de consolidar en Lugo un Campus Universitario como motor de progreso para a cidade e a provincia.

A presidenta provincial, Elena Candia, o presidente do PP local, Ramón Carballo, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz, detallaron en que vai consistir este acto.

Co título “Lembrando a Paco Cacharro”, o acto incluirá catro accións conmemorativas:

  • A posta en marcha dunha páxina web dedicada á súa figura
  • A proxección dun vídeo con imaxes e testemuñas
  • A presentación dun libro de 210 páxinas no que participan preto de medio cento de persoas que tiveron relación con el, tanto do ámbito político como persoal
  • Unha exposición conmemorativa da que se editará un catálogo para que os asistentes poidan “levar a exposición para a casa”

Estas accións buscan recoñecer a traxectoria e o legado dun político irrepetible, que foi presidente provincial do PP, concelleiro, conselleiro, senador e durante 24 anos presidente da Deputación de Lugo, con resultados que marcaron unha etapa de avance sen precedentes para a provincia.

O acto contará tamén coa intervención musical do Orfeón Lucense, coro oficial da Catedral de Lugo, dirixido por Sara Nebra, quen xa entregara no seu día a insignia de ouro da agrupación a Francisco Cacharro en recoñecemento ao seu apoio á música e á cultura lucense.

ABERTO AO PÚBLICO

O Partido Popular explica que este evento está aberto ao público, e convida a todos os lucenses a participar nesta homenaxe a quen, durante case un cuarto de século, fixo progresar Lugo desde a presidencia da Deputación Provincial, deixando unha pegada fonda e duradeira na historia da cidade e da provincia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios