A Deputación de Coruña inaugura en Boiro a exposición “Golfiños na proa”, que difunde a riqueza e biodiversidade da costa galega

A deputada de Medio Ambiente, Rosa Ana García, explicou que con iniciativas coma esta reforzan o compromiso coa educación ambiental e coa conservación do patrimonio natural.

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, inauguraron en Boiro a exposición “Golfiños na Proa”, desenvolvida pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e coa que se pretende difundir a diversidade de cetáceos e outras especies que poblan a costa galega.

A deputada aproveitou a súa intervención para concienciar sobre a importancia de protexer o medio mariño e as nosas costas, “especialmente a Ría de Arousa, porque é un tesouro de biodeversidade mariña”, e fixo especial fincapé nas “especies como a toniña ibérica, un mamífero mariño que se atopa actualmente en perigo de extinción a pesar de ter en Galicia a maior poboación de toda a costa ibérica”. 

“Con iniciativas coma esta exposición reforzamos o noso compromiso coa educación ambiental e a conservación do noso valioso patrimonio natural”, afirmou a deputada. 

O alcalde de Boiro destacou tamén o valor educativo e de concienciación ambiental da exposición, que visitarán nas vindeiras semanas os escolares boirenses, que contarán coas explicacións dos técnicos do CEMMA. 

A exposición “Golfiños na Proa”

A mosta “Golfiños na Proa” consta de diversos paneis informativos dos cetáceos  e mamíferos mariños de Galicia, así como de varios restos óseos de cetáceos, lobos mariños e tartarugas e poderá visitarse ata o día 4 de novembro no vestíbulo da Casa Consistorial. 

Así mesmo, a Deputación da Coruña pon a disposición dos centros de Educación Primaria do Concello de Boiro a posibilidade de levar a cabo diversas visitas guiadas coa finalidade de achegar aos nenos e nenas a fauna da costa galega.

Comparte éste artículo
No hay comentarios