CCOO denuncia a mala praxe do goberno municipal (PSOE/BNG), do Concello de Lugo ao obrigar á Escola Infantil Gregorio Sanz a acoller alumnado en prácticas, a pesar de que o equipo educativo trasladou por escrito a imposibilidade de facelo debido á sobrecarga de traballo e á vacante sen cubrir da sétima educadora, que leva máis dun ano sen resolverse.
Resulta gravísimo que desde a área de Educación se impoña esta decisión, xustificándoa por escrito baixo o argumento de “transparencia e non discriminación”, cando a realidade é que se está utilizando alumnado en prácticas para paliar a falta de persoal.
O máis alarmante é que, no propio escrito remitido pola Xefatura do Servizo de Educación, se recoñece expresamente que a presenza do alumno ou alumna en prácticas “axudaría a aliviar a sobrecarga de traballo” existente na escola. É dicir, o propio Concello admite por escrito que pretende empregar alumnado en prácticas para suplir a carencia de persoal, o que supón unha vulneración flagrante do sentido das prácticas formativas e unha manipulación inaceptable da figura do alumnado en formación.
Isto non só vulnera o espírito das prácticas, senón que supón un risco organizativo e unha falta de respecto total cara ás traballadoras.
Un alumno ou alumna en prácticas non é persoal do centro, nin pode nin debe asumir funcións propias dunha educadora. Pola contra, require acompañamento, seguimento e tempo, o que incrementa a carga laboral dun equipo xa desbordado pola falta de recursos humanos e pola negativa do Concello a cubrir a vacante existente.
Desde CCOO consideramos inadmisible que o BNG, responsable de Educación, pretenda impoñer decisións unilaterais sen ter en conta o criterio profesional das educadoras, mentres o PSOE, que xestiona Persoal, segue bloqueando a cobertura dunha praza esencial. O resultado é un servizo tensionado, profesionais esgotadas e unha xestión política baseada no descoido e na imposición.
CCOO esixe ao Concello de Lugo que rectifique de inmediato, respecte a autonomía pedagóxica e organizativa da Escola Infantil Gregorio Sanz, e cubra a praza vacante que lle corresponde por dereito.
O alumnado en prácticas está para aprender, non para suplir carencias estruturais nin tapar a incompetencia política.