Tras o éxito continuo do ciclo especial de paseos guiados “O Lugo Menos Coñecido”, organizado co gallo do décimo aniversario do proxecto Guido Guía (2015-2025), e que continúa a atraer a ducias de persoas de toda Galicia en cada saída, a programación segue o seu curso este mes de novembro cunha nova e intrigante proposta.
O sábado 15 de novembro será a quenda de “Enigmas Lucense”, unha actividade conducida polo turismólogo e guía lucense Guido Álvarez Parga, que desde hai anos convida a veciños e visitantes a redescubrir a cidade a través de itinerarios cheos de historia, natureza e identidade local.
Nesta ocasión o percorrido propón un xogo de descubrimento e curiosidade, co plantexamento de certos enigmas da historia e orixe da cidade. “Enigmas Lucense” é unha proposta pensada para todas as idades, combinando cultura, memoria e diversión nun formato participativo e ameno.
A actividade comezará ás 10:00 horas na Ponte Romana, un espazo cargado de simbolismo que servirá como punto de partida desta viaxe pola cidade. Terá unha duración aproximada de 4 horas e manterá o mesmo prezo que nas anteriores citas do ciclo: 8 euros por persoa, con desconto do 50 % para menores de 18 anos e entrada de balde para nenos e nenas de ata 2 anos.
As prazas poden reservarse previamente a través do correo electrónico guidoguiaturismo@gmail.com.
Unha nova oportunidade para mergullarse na maxia de Lugo, poñer a proba o espírito investigador e seguir descubrindo, da man de Guido Guía, os segredos mellor gardados da cidade.