O acto reuniu autoridades, persoal investigador e empresas colaboradoras para celebrar décadas de investigación aplicada, proxectos punteiros e formación de profesionais na Enxeñaría Civil e na Edificación.
O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña celebrou hoxe o seu 25 aniversario nun acto institucional que contou ca presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez e do reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, xunto con outras autoridades académicas e institucionais, entre elas a secretaria xeral da UDC, Marta García. O acto reuniu tamén a representantes de numerosas empresas colaboradoras do centro e membros da comunidade investigadora.
O CITEEC conta cun equipo de máis de 150 persoas, entre persoal investigador consolidado e en formación, así como persoal técnico e de xestión, que desenvolven a súa actividade arredor de 12 grupos de investigación que abranguen diversas áreas da Enxeñaría Civil, como construción, auga, transporte, estradas, estruturas, cartografía e métodos numéricos, entre outras.
Paralelamente, a investigación do centro xira en torno a catro eixos fundamentais: Construción e desenvolvemento industrial limpos, Transportes intelixentes e mobilidade sustentable, Cambio climático e xestión de recursos naturais e hídricos e Transición enerxética. Para dar resposta a estes retos, o CITEEC dispón dun equipo humano diverso e multidisciplinar, así como dun conxunto de 14 laboratorios científicos singulares que constitúen unha infraestrutura única no seu ámbito.
Para recuperar o escenario no que tivo lugar o acto de inauguración do centro no ano 2000, tras unha visita aos laboratorios, o evento conmemorativodesenvolveuse no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da UDC. A celebración estivo presentada e conducida por Gemma Rojo López, técnica de xestión de I+D e investigadora do CITEEC.
O director Científico do centro, Fernando Martínez Abella, abordou, no seu discurso, a traxectoria do CITEEC durante estes 25 anos. Fíxoo cun un emotivo percorrido por todas as áreas de investigación nas que, cada día, traballan con ilusión investigadores e investigadoras do CITEEC co obxectivo de “mellorar a vida das persoas”, xa que “a Enxeñaría Civil e a Edificación alcanzan todos os aspectos das nosas vidas”.
Durante a celebración, entregáronse os premios do concurso de fotografía CITEEConto… o que vexo!, organizado con motivo dos 25 anos do centro, cunha mirada a todos os ámbitos da Enxeñaría Civil e a Edificación. Marta García, secretaria xeral da UDC, foi a encargada de entregar os galardóns, que recoñeceron o talento creativo dos participantes. O primeiro premio foi para Alejandro Brenes Sanmartín pola obra titulada “Luz, formas e silencio”, que “convida a contemplar a cidade máis aló da súa literalidade”.
Así mesmo, realizouse un recoñecemento á traxectoria dos anteriores coordinadores do CITEEC desde os seus inicios, Jerónimo Puertas Agudo e Juan R. Rabuñal Dopico, de mans do presidente da Xunta e do reitor da Universidade da Coruña, por contribuíren de xeito decisivo á consolidación do centro como referente na investigación e innovación en Galicia.
Nas súas intervencións, o reitor da UDC, Ricardo Cao, destacou o papel do CITEEC “como motor de transferencia de coñecemento, un dos piares fundamentais da nosa misión universitaria”. O centro ten unha longa tradición de colaboración con empresas, administracións e institucións, impulsando solucións innovadoras que contribúen ao desenvolvemento.
Cao destacou tamén a dimensión formativa do CITEEC, estreitamente ligada á Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, un dos centros emblemáticos da UDC, que leva xa trinta e catro anos formando profesionais de prestixio e contribuíndo á transformación das infraestruturas galegas. “Esta sinerxía entre docencia e investigación é unha das nosas grandes fortalezas e o CITEEC representa á perfección ese modelo de universidade aberta, dinámica e comprometida coa sociedade”.
Por último, salientou o fito acadado polo CITEEC no ano 2024, ao ser recoñecido como centro colaborador da rede CIGUS da Xunta de Galicia.
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o investimento da Xunta en I+D+i co que “queremos acompañarvos, uns recursos -dixo- que medran o cuádruplo do que crece o orzamento da Xunta. Gobernar é decidir e priorizar. Creo que un país que queira progresar ten que apostar pola súa investigación”.
Tras os discursos, a celebración continuou cun aperitivo na Escola, no que persoal investigador, autoridades e convidados compartiron experiencias e recordos e gozaron da actuación musical do grupo Breo.
Con motivo deste aniversario, o CITEEC reafirma o seu compromiso coa investigación, a transferencia tecnolóxica e a formación de profesionais altamente cualificados, mantendo un papel destacado na innovación e no desenvolvemento sostible da enxeñaría civil e a edificación.