Os triatletas Jarno Pousada e Antonio Serrat comparten as súas experiencias con estudantes lucenses na Delegación da Xunta

Alumnado de cinco centros educativos acudiu á charla, enmarcada no ciclo ‘Luz ao Deporte’, organizado pola Fundación Breogán coa colaboración do Goberno galego.

O triatleta lugués Jarno Pousada e o vigués Antonio Serrat protagonizaron hoxe na Delegación Territorial da Xunta a segunda xornada do ciclo de charlas Luz ao Deporte, dirixido a estudantes lucenses. A iniciativa, que chega á súa cuarta edición, está organizada pola Fundación Breogán co apoio do Goberno galego e a colaboración de Abanca. 

A actividade congregou a estudantes do CEIP Anexa, CEIP de Nadela, CIFP Politécnico,  CPR Divina Pastora-Salesianos e o colexio San Lourenzo, e contou tamén coa presenza do delegado territorial, Javier Arias. Os deportistas compartiron cos rapaces e rapazas a súa experiencia e visión do deporte como ferramenta de superación e crecemento persoal. 

Jarno Pousada acaba de sumar un novo éxito na Copa de Europa de triatlón celebrada este mes en Tenerife, na que acadou a medalla de bronce na categoría elite masculina. O pasado mes de setembro logrou a súa primeira vitoria internacional na categoría elite  en Marruecos, nunha proba da Copa de África disputada en Taghazout. Pola súa banda, Serrat gañou a medalla de bronce no Campionato Europeo de Tríatlon de 2021 e a de prata no Campionato Europeo de Tríatlon de Velocidade do mesmo ano, e competiu nos Xogos Olímpicos de 2024.

A seguinte xornada do ciclo Luz ao Deporte, no mes de novembro, contará coa piragüista lucense Tania Fernández,  doble campioa do mundo de maratón na modalidade de K2. O obxectivo destas charlas é achegar os valores do deporte ás novas xeracións.



Comparte éste artículo
No hay comentarios