Con máis experiencia e máis xogadores de Terceira Federación, Galiza afronta o pase a súa cuarta final do sector hispano da Copa das Rexións UEFA. Para que isto se materialice, a Irmandiña deberá superar a Canarias no encontro que terá lugar mañá (27/02/2026), ás catro da tarde, no Olimpic de Tarrasa. Os galegos xogarán a quinta semifinal e os canarios a segunda, logo de que a primeira tivera relación con Galiza, ao seren eliminados por Andalucia no Salnés (2009/10).
Quinta semifinal galega
É a quinta vez que Galiza se presenta nunha semifinal da competición. A albo e celeste nunca perdeu nelas, malia que fora eliminada na primeira, cando caeu por penaltis contra Asturias, nas Rozas, na campaña 2003/04.
A galega tomou boa nota e fixo historia na 2009/10. En Vilalonga superou a Baleares, tamén por penaltis, entrando na súa primeira final.
Dez anos despois, e fronte o mesmo rival, Galiza tivo máis facilidades e goleou aos insulares nas Rozas por 4-1.
Foi o comezo dos anos de ouro do combinado nacional afeccionado. Na seguinte edición, tamén xogou a semifinal apuntando un novo éxito tras derrotar a Castela-A Mancha na quenda de penaltis.
O proceso da clasificación
Galiza chega ás semifinais logo de gañar a Andalucía, por un procedemento administrativo, e empatar contra Castela e León na fase inicial de grupos xogada en Palencia. Despois, na eliminatoria intermedia, superou con autoridade a Asturias por 3-0 na Malata.
Pola súa banda, Canarias dominou o grupo E logo de vencer a Estremadura por 2-0 e engadir un empate de conveniencia contra os anfitrións da serie, Aragón. Coa vantaxe de campo, asinaron un claro 3-0 sobre A Rioxa no tinerfeño campo de La Salud. Álex, Adrián Machín, que non estará nas semifinais, e Pato selaron o pase canario entre os minutos 60 e 68.
Os convocados
As dúas seleccións parten de criterios diferentes na súa composición. A RFGF suspendeu a xornada (agás o adiado Cambados-Compostela), a diferencia da Interinsular. Iso permitiu que Manolo García convocara a 16 xogadores dos 18 da eliminatoria intermedia. O estradense Óscar López e o chairego Make foron substituídos polos boiristas Yosi e Landeira.
Pola banda insular, varios clubs canarios de Terceira Federación non facilitaron a presenza de xogadores para igualar, incluso superar, un momento histórico do seu fútbol, que vive a súa segunda semifinal no torneo. Iso fixo que Sergio Alonso, malia que conseguiu manter o núcleo forte que derrotou á Rioxa, tivera que incorporar seis xogadores novos en relación á convocatoria daquel partido. En calquera caso, once dos 18 militan en equipos de Preferente.
Certo tamén, que algúns deles teñen experiencia recente en Terceira Federación e que a diferenza entre os mellores de Preferente e os peores de Terceira teñen un nivel semellante no fútbol afeccionado canario. Acaymo, Saúl Vera e Guayre pertencen ao Añaza, que lidera a táboa do sexto nivel.
Manolo García escolleu aos seguintes 18 homes:
Porteiros: Andrés (Gran Peña) e Atib (Viveiro).
Defensas: Achore (At. Coruña), Yosi (Boiro), Bellido e Carabán (Estradense), Dopico (Somozas) e Cadra (Racing Villalbés).
Centrocampistas: Diego e Landeira (Boiro), Brais Vidal (Estradense), Lucas (Alondras), Lombao (Arosa) e Noel Álvarez (Barco).
Dianteiros: Noel (Cambados), Adrián (Céltiga) e Cambón (Somozas).
Só o boirista Landeira é estreante nunha convocatoria coa Irmandiña afeccionada. O resto teñen minutos coa albo e celeste, incluído Cadra, que recolleu a súa primeira “cap” no derradeiro minuto do xogo contra Asturias hai case un mes.
Por parte canaria, xa con dorsais asignados, Sergio Alonso formou por esta convocatoria:
Porteiros: 1-Galindo (Tamaraceite) e 13-Daniel Díaz (Raqui).
Defensas: 4-Acaymo (Añaza), 5-Pablo Díaz (I’Gara), 8-Pato (Laguna), 14-Dani Hernández (Raqui), 15-Guayre (Añaza), 17-Sergio Rodríguez (Raqui) e 18-Noah (Laguna).
Centrocampistas: 2-Deniz (San Miguel), 3-Jony Reyes (R.U. Tenerife), 6-Soto (R.U. Tenerife) e 10-Alexis (Mensajero).
Dianteiros: 7-Amai (Tenisca), 9-Santi Domínguez (Santa Brígida), 11-Saúl Vera (Añaza), 12-Brian González (San Andrés) e 16-Mario Barcos (Dentiten).
Precedentes
O único precedente entre ambas seleccións data do 18/05/2000, no Miguel Indurain de Ceutí. No primeiro partido oficial de galegos e canarios o resultado foi de empate a un gol. Ambos equipos serían eliminados na fase de grupos.
Entrada libre
Tanto o partido entre a Irmandiña e os amarelos (16,00) como a seguinte semifinal, que disputaran no mesmo escenario, o Olimpic de Tarrasa, Cataluña e Navarra (19,30), así como a final, que será o domingo ás 12, terán entrada libre.