A área de Infraestruturas de Lugo reforza a seguridade viaria na rúa da Industria

O Tenente Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, visitaron a rúa da Industria co fin de comprobar a evolución das obras de mellora da seguridade viaria que a área de Infraestruturas Urbanas está a executar nese punto.

A actuación céntrase na reconfiguración da mediana da vía, seguindo o modelo aplicado noutras intervencións nas Gándaras. Con esta medida, preténdese mellorar a fluidez do tráfico, facilitar as manobras dos vehículos industriais e reducir riscos nunha contorna con moita circulación diaria.

“Esta é unha das vías máis empregadas polos vehículos pesados que se dirixen aos polígonos industriais de Lugo. Con estas obras garantimos unha circulación máis ordenada e segura, ao tempo que apoiamos a actividade empresarial da cidade”, explicou Arroxo.

Pola súa banda, Alexandre Penas destacou que “a mellora da seguridade viaria é unha prioridade para esta área de goberno, e proxectos como este permiten modernizar os accesos e incrementar a calidade das infraestruturas municipais”.

A rúa da Industria conecta a zona de Benigno Rivera co Polígono das Gándaras, sendo un nó estratéxico para o transporte e a actividade económica de Lugo. As obras están sendo executadas pola empresa Construcciones Sanle Lugo cun investimento de 125.710,78 €.

Comparte éste artículo
No hay comentarios