Os deputados do Grupo Provincial Popular esixen a Pilar García Porto “dar exemplo” e “traballar en serio na rede de residencias da Deputación de Lugo” porque “esixe a outra administración o que ela mesma non é capaz de facer na que goberna”. Así, engaden que “onde ten responsabilidades de facer, non fai” polo que lle piden “a mesma capacidade de esixencia que ten con outras administracións, tamén para aquela na que goberna como é a Deputación de Lugo que acumula anos de atrasos nas residencias comprometidas”.
Os populares consideran “inaudito” que a alcaldesa de Antas de Ulla e voceira do PSOE na Deputación “pida explicacións a unha administración que cumpre, independentemente da cor política que goberne no municipio”.
“O único motivo polo que se nos ocorre que proteste a alcaldesa de Antas de Ulla é pola vergoña que deben sentir ao ver que a Xunta cumpre -coas obras, cos prazos- investindo 3,2M€ na residencia de Antas de Ulla” mentres que “o goberno provincial incumpre sistematicamente os seus compromisos cos veciños e veciñas da provincia”.
Así, dende o Grupo Provincial Popular subliñan que “o goberno de PSOE e BNG mantén pechada a residencia de Becerreá rematada fai preto de 4 anos e para a que propoñen un prezo por usuario un 60% que no resto de centros da rede provincial”. E o mesmo se pode dicir doutros centros de atención a maiores, “nalgún caso con convenios firmados no 2018 que xa acumulan prórrogas e prórrogas e que xa contan con todas as licenzas e permisos por parte do Concello, como é o caso de Folgoso do Courel”, expoñen.
Tamén lembran dende o Grupo Provincial Popular que a Deputación rescindiu o contrato coa construtora das residencias da Pontenova e Guitiriz que suporá un noso atraso na súa posta en marcha e que a da Pobra do Brollón tamén acumula atrasos e aínda está en construción despois de 5 adxudicacións. A de Cervantes acumula anos de promesas e nada se sabe das comprometidas en Pantón, Saviñao e Ourol”.
“Outro incumprimento de PSOE e BNG é a posta en marcha do servizo diúrno de atención a maiores que recollen os proxectos dos distintos centros da rede provincial”. Algunhas das residencias abriron no 2019, pero “ningunha presta o servizo de centro de día”.
RESPONSABILIDADE
Os populares esíxenlle a García Porto “máis responsabilidade co seu propio traballo” xa que “moitos veciños e veciñas da provincia non dispoñen dun servizo que levan anos prometendo”; pero que, nalgúns casos, non chega porque “a residencia continúa pechada por capricho político do presidente da Deputación e secretario xeral do PSOE na provincia”.
Os populares tamén consideran “paradoxal” que “a alcaldesa de Antas reclame reunións coa Xunta de Galicia” toda vez que “o presidente da Deputación de Lugo non recibe a ningún alcalde do Partido Popular”.