Un paseo histórico pola arte urbana de Lugo da man de Guido Guía e 8 dos muralistas da cidade

O pasado xoves 16 de outubro Lugo viviu unha desas tardes que deixan pegada. O paseo guiado “Arte nas rúas de Lugo”, promovido e conducido por Guido Guía, reuniu a oito dos máis destacados muralistas da cidade —auténticas referencias da arte urbana galega e tamén internacional— nun encontro histórico que xuntou tres décadas de creación, amizade e compromiso coa cultura local.

Baixo un sol outonal e cun público entregado —máis de corenta participantes—, a ruta percorreu os murais e graffitis máis emblemáticos do centro da cidade e a súa contorna. En cada parada, Guido, que leva máis de dez anos divulgando a arte urbana lucense e superou xa o cento de visitas guiadas pola Arte Urbana Lucense, compartiu historias, anécdotas e emocións acumuladas ao longo dunha década de traballo apaixonado.

Acompañándoo nesta ocasión tan especial estiveron Diego AS, Pablo Lage (Van-Kraft), Iago Eireos, Yoe33, Dani (Muro Mola), Rubén Paz (Trece Trazos), Kutxyllo e Bure (Concepto Circo): oito muralistas que representan ás dúas xeracións máis influentes da arte urbana lucense —Concepto Circo e Otro Prisma—, así como os impulsores dos festivais máis importantes da historia recente de Lugo (Style Fighters Fest, Prisma Fest, Culturbán e Urban Cores).

O paseo converteuse nun reencontro entre mestres e discípulos, entre pioneiros e continuadores dun movemento que xa é parte da identidade lucense. Os clásicos, como Bure, Yoe 33 e Van-Kraft, lembraron os anos 90, cando pintar nas paredes era un acto de liberdade e risco. As xeracións seguintes, encabezadas por artistas premiados internacionalmente como Diego AS ou Rubén Paz recoñecen e reivindican sempre a inspiración que recibiron da vella escola.

“Foi a mellor actividade dende que son guía”, confesou Guido ao rematar o percorrido. “Levo toda a miña vida admirando a esta xente, e ver xuntos a tantos artistas que admiro, compartindo co público o que significa pintar e vivir en Lugo, foi algo memorable e inesquecible.”

A presenza de artistas doutras disciplinas —Xoán Vila, Miguel Anxo Macía, José Manuel Peña Romay, Noa Persan, Juan Pablo Mastroianni, Joaquín García Gesto e Miki— e o apoio dos que non puideron asistir, como Noemí Núñez, Pía Piadosa, Bublegum, Nesui, Borja Porto (Arte Lucus), Mousca e Joint, reforzaron o sentido comunitario dun encontro que transcendeu o simple paseo.

O evento consolidou a Lugo como un referente da arte urbana galega e internacional. Grazas ao inmenso talento e creatividade dos artistas, sumado ao traballo de divulgación feito por profesionais como Guido, a cidade pode presumir de ter unha das escenas murais máis vivas e diversas do planeta.

Ao final da tarde, cando o grupo se disolvía entre murais e sombras, Guido resumiu o espírito do día cunha frase que fixo sorrir a todos: “Os graffiteiros e muralistas de Lugo merecen un monumento. Son parte da nosa historia recente, os que demostraron que dende esta pequena gran cidade se poden facer cousas incribles.”

Comparte éste artículo
No hay comentarios