O PP denuncia que a Deputación segue sen aclarar a data de apertura da residencia da Pontenova tras encargar a obra a Tragsa

Antonio Ameijide recorda que a residencia tiña que estar en funcionamento hai varios anos (iniciouse a construción en setembro de 2022 cun prazo de execución de 15 meses), o que evidencia “a nefasta xestión” de PSOE e BNG no cumprimento deste convenio.

Os deputados do Grupo Provincial Popular denuncian “a falta de transparencia e a nefasta xestión” de PSOE e BNG na construción do centro de atención a maiores da Pontenova.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, fai esta reflexión ao desvelar a decisión de PSOE e BNG de encomendar agora á empresa pública Tragsa a finalización dos traballos, que levan moitos meses paralizados, o que “non fai máis que confirmar e darnos a razón sobre todas as denuncias que levamos moito tempo realizando sobre o atraso deste proxecto”.

Antonio Ameijide lembra que esta obra acumula anos de atrasos despois de que se iniciase en setembro de 2022, cun prazo de execución de só 15 meses.

A pesar dos continuos anuncios e promesas de PSOE e BNG — que no seu día anunciaran a residencia no ano 2018 asegurando que estaría lista en 2019 —, “a realidade é que os veciños da Pontenova seguen sen poder dispoñer deste servizo e o goberno provincial de Carmela López continúa sen dar unha data concreta para a súa apertura nin clarificar o modelo de xestión”.

A decisión de resolver o convenio e encomendar a obra a Tragsa, provoca dúbidas sobre o futuro do centro. O voceiro popular pregunta “se a resolución do convenio orixinal vai afectar ás condicións previamente establecidas e se estas van cambiar a partir de agora en prexuízo para os futuros usuarios”.

Antonio Ameijide tamén sinala que esta situación tamén deixa nunha posición de absoluta marxinación ao propio Concello da Pontenova, que queda fóra das decisións que se tomen sobre o futuro da residencia. “Non é un detalle menor dado que o rexedor municipal foi presidente da propia Deputación de Lugo”, recordou.

Os populares insisten en que a xestión deste centro é unha mostra máis das incumpridas promesas do goberno provincial en materia de residencias.

Ameijide esixe a PSOE e BNG que actúen con “axilidade, anuncien o modelo de xestión e fixen unha data de apertura para as 30 prazas de residencia e 20 de centro de día prometidas”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios