O BNG esixirá medidas para evitar os bloqueos indiscriminados de páxinas web por parte de La Liga e Movistar

Néstor Rego demanda un marco de actuación claro e xusto, que protexa os dereitos de autor sen causar danos colaterais a milleiros de webs legais.

O Bloque Nacionalista Galego defenderá a vindeiracuarta feira, 22 de outubro, na Comisión de Economía, Comercio e Transformación Dixital do Congreso unha iniciativa para reclamar ao Goberno do Estado a actuar para evitar os bloqueos indiscriminados de páxinas web executados por La Liga e Movistar.

A formación nacionalista demanda que o executivo garanta a precisión e proporcionalidade das medidas contra a pirataría audiovisual, evitando que continúen os fechamentos masivos de IPs que deixan fóra de servizo milleiros de webs e plataformas completamente lexítimas, incluíndo portais públicos e servizos de pagamento.

A iniciativa do BNG propón que o Congreso inste o Goberno a adoptar medidas necesarias -dentro das súas competencias- para asegurar que os bloqueos de webs que emiten ilicitamente contidos protexidos non afecte a páxinas ou portais lexítimos.

“Débese garantir que os bloqueos realizados sexan precisos e limitados: que se empregue exclusivamente o protocolo DNS para restrinxir o acceso ao dominio concreto que infrinxa dereitos, evitando bloqueos por IP que afecten a multitude de webs alleas” sinala o deputado do BNG no Congreso.

Así mesmo, Rego propón estabelecer unha colaboración cos hostings, a través deprotocolos, para que os servizos de hospedaxe poidan retirar unicamente os contidos ilícitos ou suspender as contas infractoras, preservando o funcionamento de páxinas lexítimas. Do mesmo xeito, engade o deputado, débense artellar mecanismos que impidan ás compañías de telecomunicacións bloquear enderezos IP de maneira masiva, o que prexudica tanto a empresas como a usuarias sen relación coa pirataría.

“O BNG considera imprescindíbel que o Goberno recupere o control sobre estas actuacións, hoxe deixadas en mans privadas que operan sen supervisión nin garantías para terceiros” subliña Rego.

“A loita contra a pirataría non pode converterse nunha censura dixital encuberta nin afectar o dereito á información e á liberdade de expresión” advirte Rego, que demanda “un marco de actuación claro e xusto, que protexa os dereitos de autor sen causar danos colaterais a milleiros de webs legais”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios