O PP leva ao Senado “o incumprimento do Goberno de Sánchez” coa rehabilitación do mosteiro de Vilar de Donas en Palas de Rei

Tanto o Bispado como os veciños e veciñas están a favor da súa recuperación, nun momento clave para actuar co horizonte do próximo Ano Santo Xacobeo 2027”.

O PP lucense levará ao Senado o incumprimento do Goberno de Sánchez coa rehabilitación do mosteiro de Vilar de Donas, en Palas de Rei, unha actuación incluída no Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-2022 para a que se asignaban 1,5M€ e que o Ministerio de Industria e Turismo mantén bloqueada.

Os senadores populares José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano comprobaron o seu “mal estado de conservación” nunha visita ao inmoble acompañados do alcalde da localidade, Pablo Taboada, e veciños e veciñas da zona, cos que se comprometeron a trasladar formalmente esta demanda ante o Goberno de Sánchez, ao ter transcorridos 3 anos do anuncio sen que exista constancia da liberación dos fondos para acometer a obra de recuperación, e iso a pesar de que xa existe un acordo co Bispado de Lugo.

O Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22 é un proxecto financiado con fondos europeos de recuperación Next Generation para impulsar os Camiños de Santiago como produto cultural e patrimonial. Dentro deste plan xoga un papel destacado o mosteiro de Vilar de Donas e tamén a igrexa románica anexa, que recibe miles de visitantes. 

“Tendo en conta que tanto o Bispado como os veciños e veciñas están a favor da súa recuperación, estariamos ante un momento clave para actuar e que as obras estean listas de cara ao horizonte do próximo Ano Santo Xacobeo 2027”, subliñan.

Nese sentido, os senadores pedirán formalmente explicacións ao Goberno de Sánchez a través dunha pregunta escrita e instarán ao Ministerio de Industria e Turismo a cumprir coa asignación económica comprometida para o proxecto de rehabilitación do mosteiro nas condicións previstas no Plan Nacional Turístico Xacobeo 21-22, que reservaba unha partida de 1,5M€ con esta finalidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios